''Anularemos el Decreto del gallego que hizo el bipartito''

jesus_vazquez_entrevista_col1.jpg
photo_camera jesus_vazquez_entrevista_col1.jpg

Uns días despois da 'aterraxe' na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, o novo titular do departamento, manda as primeiras mensaxes a colectivos que neste tránsito do cambio de goberno esperan con urxencia que se lle aclaren dúbidas ou que se adopten solucións aos seus problemas. Fundamentalmente, o conselleiro, fala de consenso, diálogo e, sobre todo, de axustarse ao que establece a lei para tomar decisións.

Pregunta: Como foi o traspaso de funcións?

Resposta:
Moi ben. Laura Sánchez Piñón portouse moi ben conmigo e, é máis, quedamos para ter outra toma de contacto e púxose a miña disposición para abordar calquera posible tema.

P: Os recortes de altos cargos na súa consellería chegan a ese 47 por cento do que falaba Alberto Núñez Feijóo?

R:
Non teño o cálculo exacto na miña consellería, pero si que é certo que hai un recorte claro. Antes había seis departamentos, penso, e agora hai cinco, aínda que se incorpora Política Lingüística a Educación, co que, en relación á anterior consellería, case diminuimos dous departamentos. Pero están por ver así mesmo as subdireccións, afectadas na medida en que baixen as direccións ou secretarías xerais.

P: O feito de que Política Lingüística estea agora baixo a tutela da consellería ten algunha connotación especial, por exemplo, de cara avanzar no consenso?

R: Penso que é positivo que Política Lingüística estea en Educación, independentemente de que o galego se aplica a todas as áreas. Pero nalgunha área ten que estar e eu penso que positivo que sexa na consellería. En canto ao consenso, vai a depender de todos nós. Espero e desexo que todos poñamos niso a maior vontade, porque cando se fala de consenso faise de negociación, e negociación é sempre tratar de chegar a un punto de acordo que satisfaga a todas as partes.

Consenso no novo Decreto
P: Para cando será a derogación do Decreto de galego?

R: Penso que o presidente está a traballar no plan de austeridade e no económico e no momento en que se constitúan os equipos, desde a consellería plantexaremos as primeiras medidas a adoptar. Evidentemente, hai que facer algo que xa sexa de consenso. E, entón, prefiro nese tema non falar de datas. É unha proposta que hai que cumprir, que estaba aí e que creo, firmemente, que a xente votou sabendo o compromiso que había e que nos deu a maioría absoluta nese sentido.

Pero prefiro non falar en relación con ese tema de datas concretas, dunha semana, un mes ou cen días, porque non podemos tratalo con frivolidade e que a xente pense de que é unha decisión unilateral nosa, senón que queremos falar cos colectivos que durante este tempo veñen demandando, por un lado e por outro, aspectos relacionados co tema.

P: Que vai suceder, haberá un novo decreto?

R: Derogaremos o Decreto que fixo o Goberno bipartito. E a partir do Decreto anterior, traballaremos en favor de acadar ese consenso.

P: Proporase volver á situación de 2005 en materia de política lingüística?

Sen imposicións lingüísticas
R: Volver a esa situación de bilingüísmo harmónico sen que existan imposicións por ningún lado.

P: Comezar de novo partindo do último momento no que había consenso...

R: Penso que debe ser o punto de partida no que debemos traballar, e que todos os grupos políticos, sociais e colectivos poidan opinar e poidamos mellorar. Persoalmente, sería unha das cuestións nas que me gustaría que chegaramos a un consenso o máis amplo posible.

P: Pero con consenso ou sen el haberá novo Decreto...

R:
A xente non estaba contenta coa situación vixente, que impuxo o bipartito. Nós intentaremos, evidentemente, proceder á anulación desde Decreto é tratar traballar nun que satisfaga, volvo a repetir, á meirande parte da poboación galega.

P: Que capacidade de manobra lle ofrece o presuposto da consellería deste ano?

R: É un tema dos que hai que ver. A conselleira de Facenda está tamén a traballar neste tema e supoño que se nos comentará como está a situación real. Pero é un tema que haberá que analizar porque o Goberno saínte tiña unha serie de deficiencias, e así o viña manifestando, cunha capacidade da consellería para moverse moi pequena.

Oposicións, entre as primeiras decisións
P:
Sobre a oferta de emprego público, pendente de convocar, que lle pode dicir a opositores e sindicatos?

R: Que teremos que ver, precisamente, os presupostos e partimos tamén do traballo inicial que ten paralizado a consellería. Sobre iso adoptaremos a decisión máis favorable pensando no ensino e nos opositores.

P:
Aínda se está en prazo?

R: Si, a tempo estamos. Evidentemente, o opositor que está estudiando precisa sabelo para eliminar esa inseguridade que ten. Pero insisto, estamos a tempo. Está máis que consultado e a das oposicións será unha das primeiras decisións que adoptemos.

P: Hai xa un número de prazas establecido?

R: Neste momento o que hai é a previsión que fixo o equipo da consellería saínte. Sobre iso traballaremos, pero aínda non teño o informe. Haberá que casar presupostos e necesidades. O que me gustaría, como a calquera, e ter contento a todo o mundo, pero en ocasións hai que axustarse á realidade.

Pouca marxe de manobra
P: Que pasará cos centros concertados aos que se lles negan subvencións por separar nenos e nenas nas aulas?

R: Imos levar o tema á asesoría xurídica para ver a legalidade da situación, tanto da orde como das reclamacións ou demandas que existan nese sentido. O que podo dicir é que nos axustaremos á legalidade e ao que marcan as pautas.

P: E en canto á ampliación dos concertos ao Bacharelato que pide a patronal do ensino privado?

R: Temos que axustarnos un pouco aos presupostos. Hai unha carencia de fondos que probablemente recoñeza a conselleira saínte. Non son momentos bos pero, evidentemente, habrá que analizalo todo e dar pasiños pequenos. Pero hai que recoñecer que non son os momentos mellores económicamente falando, e que haberá que ver como están os gastos.

P: O pacto pola educación anunciado no programa do PPdeG cre que será posible nesta lexislatura?

P: Persoalmente creo que sí. Pediría, previamente, para que non nos desacreditemos, que falemos. Non ten sentido neste momento saír á rúa cando non se falou nada. O que pido é diálogo e comprensión para falar dun pacto pola educación. Se se logra un pacto significará que hai consenso e tranquilidade, e que imos ter contentos aos distintos colecivos.

Avance de Bolonia
P: Na Formación Profesional, o PPdeG ten postas as mismas expectativas que o PSdeG?

R: Penso que xa no anterior Goberno do Partido Popular a FP foi unha aposta. Seguiu sendo unha aposta, avanzouse, pero e certo que todavía debe dar máis de si e contribuir mellor ao que é a empregabilidade e tamén, neste sentido, á creación de riqueza.

P: Sobre a gratuidade dos libros de texto, cal vai ser a posición da consellería?

R: É un tema que temos que traballar, valorando tamén a situación económica que vivimos. Tamén é certo que o anterior Goberno privatizou o servizo, o que non redundou nunha mellora. Nós apostamos por unha educación, evidentemente, financiada con fondos públicos na que os país poidan ter as mellores garantías de calidade para os fillos e que sexa eficiente. Nese sentido traballaremos.

P: En materia universitaria tamén hai temas importantes por resolver...

R: Si, no caso dos acordos de Bolonia é un tema inmediato, unha esperanza que temos aí, e hai que axudar ás universidades no proceso. Niso estamos. Reunirémonos cos rectores e será unha das primeras actuacións que levemos a cabo. Tamén faleremos de financiaciamento, aínda que ata 2010 hai un plan vixente.

Comentarios