''Compararme con Berlanga y Buñuel es casi exagerado''

Ángel de la Cruz está de noraboa. Aos seus 45 anos, non moitos poden presumir de ter tres Goyas ás costas. Ademais, o pasado 13 de marzo estreou a súa última película, unha historia de percebes baixo o título 'Os mortos van á présa', coa que acadou 20 nominacións aos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego

A estrea da película fíxose de rogar. Logo de que se suspendera hai dous anos por diferentes problemas, o filme xa está nos cines. En 12 días xa acadara máis de 15.000 espectadores e, ademais, foi recoñecida con 20 nominacións aos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, batendo o récord dos galardóns. ''A ver se non somos os perdedores da noite'', comenta o director.

Pregunta:
Vostede definiu a película como unha historia de percebes, como se entende iso?

Resposta: Os percebes utilizámolo como unha metáfora porque realmente é unha historia de rencores que están enquistados como os percebes nas rochas. Por culpa dese camión que queda atascado afloran todas esas cousas en busca dunha reconconciliación, pero isto contado en clave de humor. Eu utilicei a metáfora de que os personaxes son duros por fóra e tenros por dentro como os percebes.

P: Un crítico valorou o filme como herdeiro do cine negro de Berlanga e Buñuel. Como lle senta o piropo?

R: Senta moi ben. Entendo que é case esaxerado.Si me recoñezo en Berlanga porque fixen un seguimento durante moito tempo do seu cine e creo que botei mal del como referente, tamén doutros moitos. E Buñuel, un pouco máis lonxe, pero tamén é certo que cando oía a Buñuel pensaba que era un gran comediante. Algo hai, sobre todo na parte negra.

Mellor de carne e óso
P: Tamén dirixiu películas de animación. Que é máis fácil, traballar con personaxes reais ou de animación?

R: Son distintos. En animación hai que ter moita paciencia porque son moito máis longas no tempo, moito máis detalladas na parte de pre producción, hai unha planificación moito máis férrea. A post producción é practicamente igual pero toda a parte de rodaxe é distinta. A min gústame máis traballar con actores porque é unha relación moito máis inmediata. Hai unha comunicación moito máis fluida que na animación que é máis lento, cun equipo máis grande.

P: A rodaxe de 'Os mortos van á présa' suspendeuse hai dous anos por falta de presuposto. Valeu a pena esperar?

R: Eu creo que si. Custou facer a película, pero volvemos reunir a todo o equipo, tanto actores como técnicos estaban desexando facer a película.Creo que se nota na pantalla que houbo moi bo ambiente. Creo que o resultado é positivo porque a película funciona como pretendiamos, é dicir, que a xente cando vaia vela ría e que saia do cine con moi bo sabor de boca, que era o que se pretendía nunha comedia.

Recoñecemento dos académicos
P: Está nominado en 20 categorías aos premios Meste Mateo do audiovisual galego. Como recibiu a noticia?

R: Pois como a de Berlanga e Buñuel. Esperábamos ter algunha nominación pero caeron todas. Realmente son todas as candidaturas ás que podiamos estar nominados. Ademais, na categoría dos actores, tanto protagonistas como de reparto, está case todo o elenco e iso para un director é o maior orgullo.

A ver se non somos os perdedores da noite. Pero para min, ese recoñecemento, que é un récord nos Mestre Mateo, é xa un premio en si mesmo por parte dos académicos que recoñecen a labor tanto de técnicos e como de actores.

P: De que forma está presente a ironía galega no filme?

R: A premisa inicial para facer esta película era que botaba en falta, dentro do cine galego e feito desde Galicia, comedias que falasen do noso humor especial. Trátase da retranca, que é parecida ó humor británico e irlandés e que eles venden tan ben fóra. Eu pensaba que nós tamén poderiamos facer películas desde a nosa forma especial de ver a vida e a morte, e que tamén poderiamos vendela. Ese é o punto de partida inicial e todo o mundo aprecia ese valor, esa ironía galega, esa retranca dentro da película.

A morte como algo natural
P:
Na trama tamén hai un enterro. Como retrata o modo de ver a vida e a morte polos galegos?

R:
Ás veces, para buscar a comedia, hai que recurrir a certos estereotipos e tópicos. Pero é certo que en Galicia hai unha forma particular de ver esa vida e esa morte. O culto á morte en Galcia é distinto a outras zonas. Está máis desdramatizado e acolle a morte dunha forma máis natural. Tamén quería contar esta particular visión da morte que é unha mistura dun acto piadoso e relixioso e tamén ten algo de lúdico e así o intentamos retratar.

P: Por que escolleu a paisaxe de Rinlo, en Ribadeo, para rodar a película?

R: Estaba buscando localizacións por toda a costa e descrubrín aquela. Invitáronme a participar nun concurso de bandas de música e o seu alcalce naquel momento, sabendo que eu estaba buscando localizacións, ensinoume varias parroquias do concello. Descubrín Rinlo. Quen tivo a oportunidade de ler o guión antes de que eu descubrise esas localizacións, seguramente podería comprobar que se aproximaba moito ao que eu quería. Alí descubrimos todos os emprazamentos adecuados para a película.

P: Tamén é guionista, cales son as súas referencias á hora de escribir?

R: Se hai algunha que calquera guionista en España ten como referencia é o recentemente falecido Rafael Azcona, quen por certo, tamén foi guionista de Berlanga. Moitas desas películas de humor negro e de humor un tanto esperpéntico naceron da pluma de Azcona.

A ilusión do primeiro Goya
P: Dos tres Goyas que obtivo na súa carreira, cal lle fixo máis ilusión?

R: Creo que po primeiro do que levamos. Cando fixemos 'O bosque animado' en ningún momento pensamos que iamos estar nominados. Cando resultamos elixidos candidatos tampouco contabamos con que nolo deran, entón foi unha sorpresa e unha alegría. E logo, o segundo, xa un parece que o está agardando. Aquí tamén nolo deron, pero supoño que en caso contrario sería cando se produciría unha pequena frustración. Eu creo que como ilusión o primeiro.

P: De que pé coxea o audiovisual galego?

R: Coxea do mal que coxea o audiovisual español e incluso europeo, falo do cine, que é a distribución. Somos un país que temos unha produción bastante estable; temos uns técnicos e especialmente uns actores e actrices moi superiores á media, cuns resultados fantásticos. Pero creo que a asignatura pendente é a distribución, o saber internacionalizar os nosos productos, o vendelos fóra. O que pasa é que é un problema complexo porque non é un problema só de Galicia, senón de España e case toda Europa.

Comentarios