ENTREVISTA
Benigno Campos: ''Entre fogóns e coa gaita de fondo, son o home máis feliz''
21/11/2009 - Sabela Corbelle / El Progreso (Lugo)
Puxo o primeiro pé na cociña cando estaba a facer a mili, en Madrid, aproveitando os permisos que lle daban no cuartel. Foi daquela cando Benigno Campos Melón descubriu que cociñar tamén podería ser unha distracción, ademais dunha necesidade para poder comer ben día a día. Non obstante, ata que se xubilou nos asteleiros —nos que traballaba como deliñante— non sabía o que era un plató de televisión, onde agora cociña de cara ó público. E está nesas, feito un personaxe famoso por mor de ‘Larpeiros’, que se pode ver a través da pantalla da Televisión de Galicia.
Información relacionada
PREGUNTA: ¿Pódese dicir que vostede foi freire antes que cociñeiro? Porque durante 39 anos estivo a traballar nunha empresa de construción naval sen poñer o mantelo...
RESPOSTA: Pasei toda a vida nunha oficina técnica traballando como deliñante debuxando barcos. Unha vez xubilado, a produtora audiovisual Faro contratoume para que presentase ‘Larpeiros’, e aí estou.
P: ¿Cando puxo o mantelo por primeira vez?
R: Hai moitos anos que cociño, neniña. Empecei hai 40 anos, en Madrid, cando estaba no servizo militar. As fines de semana que me quedaban libres iba á casa dunha señora de Chapela e alí cociñaba con ela ata o punto de que chegou a engaiolarme, e desde aquela non parei de cociñar.
P: ¿Lémbrase de cal foi un dos primeiros platos que preparou?
R: Si, polo en pepitoria con améndoas e piñóns.
P: E sairíalle ben...
R: Moi ben. Cando unha cousa che sae ben, empézache a gustar. Pícache o vermiño e non paras. Sinto pracer cociñando, sobre todo cando os amigos ou a miña familia me agradecen que cociñe para eles.
P: ¿Atinaba ben co sal?
R: Afortunadamente, si, porque non me gustan as cousas demasiado salgadas. Co sal hai que ter coidado porque o outro día fun cociñar o bacallau á casa duns amigos que o tiñan mal desalgado e xa non tiña remedio.
P: É curioso que fora unha amiga, e non súa nai, quen lle ensinara a cociñar...
R: Miña nai tamén me ensinou a cociñar pero foi con esa señora que estaba en Madrid con quen empecei a cociñar, aínda que despois recurrise varias veces ás receitas de miña nai.
P: ¿É súa nai critica co que vostede fai na televisión?
R: Normalmente, non, porque estamos bastante de acordo. Ademais, eu cociño máis cousas ca ela e ela aprende de min.
P: Por exemplo, ¿que aprendeu?
R: Por exemplo, as nécoras fritidas na tixola, que nunca se lle pasaron polo maxín, ou a cocer o polbo sen auga.
P: ¿Sen auga?
R: Si, o polbo ten unha porcentaxe moi elevada de auga e, cando coce, vaina soltando, polo que non fai falta botarlle máis: cócese na súa auga e sabe mellor, se controlas ben o lume. Así non se perde nada do seu sabor en auga allea.
P: Empezou a cociñar cando cumpría o servizo militar. ¿A necesidade obrigaba porque comía mal?
R: Ese non foi o meu caso. Simplemente pasaba que, cando saía de permiso, iba á casa desta señora e eu disfrutaba na cociña, cociñabamos ela e máis eu para a familia. Era só por pracer.
P: Ou sexa, que en vez de atender á noiva adicábase a cociñar...
R: Si, porque miña noiva estaba en Vigo e eu estaba en Madrid, ¡e gozaba cociñando!
P: Despois desta experiencia, ¿pensa que se a ‘mili’ fose obrigatoria todos os rapaces aprenderían a cociñar?
R: No meu caso foi coincidencia. Só ten que ver con que eu estivese daquela en Madrid e con esa señora, nada máis. Pasaría o mesmo se en vez de estar na ‘mili’ estivese a traballar nunha empresa.
P: De tódolos xeitos, ¿non cre que os homes deberían facer un cursiño de cociña antes de casar?
R: Bueno, eu son autodidacta, non fixen ningún cursiño de cociña. Din cursos de cociña para xubilados na empresa onde traballei para que estiveran entretidos e colaborasen coas tarefas domésticas e moitos cociñan na casa. E, se tivese tempo, tampouco me faría mal facer un curso.
P: Si, pero volvendo á pregunta, ¿tódolos homes deberían saber cociñar antes de contraer matrimonio?
R: Home, tanto como que fose obrigatorio... Hai xente á que lle gusta e outros ós que non. Non se debe obrigar a ninguén a cociñar, isto é algo que che ten que gustar, amar, querer e disfrutar. Se non, adícate a outra cousa.
P: ¿Algunha vez lle dixeron que podía ser o Arguiñano da Galega?
R: Moita xente, pero eu non trato de ser Arguiñano, senón Benigno Campos e facer a cociña que a min me gusta. Pretendo ensinarlle á xente a miña cociña fácil, feita cos produtos da nosa terra, que son os mellores do mundo tanto en mariscos como en peixe ou en carne, e iso está reflectido en ‘A cociña de Larpeiros’, o meu libro, que está a ser líder de vendas en Galicia.
P: ¿Na casa do ferreiro, coitelo de pau?
R: Se podo, cociño tódolos días. Poño música cando cociño (unha xota, unha muiñeira...). Eu cociñando e co son da gaita de fondo son a persoa máis feliz do mundo. Fundei dúas corais, teño un fillo gaiteiro... así que a música galega, fundamentalmente, é para min tan importante como a cociña. Aínda que tamén me gusta a música clásica.
P: ¿Podémolo imaxinar nalgunha taberna tomando un viño e cantando?
R: Teño un grupo de amigos ós que lles gusta cantar. Son os da Cofradía dos Devotos do Rodaballo, da que tamén formo parte eu, e xuntámonos moitas veces para comer e cantar nas tabernas e na casa.
P: ¿Cantas veces tira do conxelador na súa casa?
R: O conxelador é moi práctico. Teño alí carne, peixe, verduras... Recurro moito a el. É unha grande ventaxa.
P: ¿E da comida requentada no microondas?
R: O microondas só o uso para quentar o almorzo.
P: Un pecado da cociña galega.
R: [Ri]. Non hai pecados. Os pratos malos non se integran nunca na cociña tradicional. Todos son bos, uns estarán mellor logrados ca outros, aínda que tamén pode haber pratos mal feitos.
P: E unha virtude...
R: Os produtos. É un privilexio a calidade dos produtos alimenticios que temos en Galicia. Por pouco que aporte o cociñeiro, o resultado está garantido.
P: No seu programa son outros os que van ó mercado. ¿Na súa casa tamén?
R: A cociña empeza no mercado. A min encántame ir ó mercado. Coñezo a frescura do peixe e gústame falar coa peixeira, coa carniceira...
P: Postos a escoller, ¿con que se quedaría, coa carne ou co peixe?
R: Uns días como carne e outros, peixe. Digamos que ó 50 por cento.
P: En tempos de crise, ¿pódese facer unha comida para un por un euro?
R: Si. Por exemplo, uns mexillóns guisados con patacas.
P: ¿Dime o que comes e direiche quen es?
R: Pódese dicir, aínda que non pode ser moi fidedigno. Os galegos somos moi larpeiros e, ás veces, pasámonos. Pero si, o comer caracteriza as persoas.
P: ¿Tamén vostede se considera un larpeiro?
R: Son un larpeiro de pro. Se me gusta cociñar, tamén me gusta comer. Son un papador, pero non un galdrureiro nin un lambón, porque non me gusta demasiado o doce. Son un larpeiro porque me gusta moito comer.
P: ¿Por que a fama da boa cociña lévana sempre os homes?
R: Non estou de acordo. Hai cociñeiras marabillosas. Eu teño un libro de Emilia Pardo Bazán sobre cociña, igual que teño outros como o do Picadillo, o de Xulio Camba, o de Álvaro Cunqueiro ou o de José María Castroviejo, pero tamén as mulleres saben cociñar ben, non só os homes.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







