Luis Avilés: ''Hay que perderle el miedo a nuestro idioma a la hora de hacer cine''

Luis Avilés leva toda a vida enganchado ao audiovisual. Este director noiés descubriu con 9 anos a maxia do cine e tivo claro que o seu futuro estaba nese mundo da imaxe. Logo de pasar pola produción de anuncios e vídeos musicais, participar en series de ficción e tocar o éxito coa súa primeira curta en 35 mm. ‘A Subela’, Avilés enfronta agora a súa estrea na dirección dunha largometraxe, da man da produtora Vaca Films.

A súa ópera prima será ‘Retornos’, un thriller ambientado en Galicia e no mundo que rodea os clubes de alterne, pero con raíces nos conflictos familiares e íntimos duns personaxes que esconden máis dun segredo. A rodaxe comeza o luns 20 de abril en Coristanco, e Luis Avilés está coma tolo por se poñer aos mandos da nave.

Pregunta: Cómo se enfronta un á súa ‘ópera prima’?

Resposta: Con moita ilusión, ademais como o proxecto leva moitos anos tentando facerse non sinto para nada presión á hora de facer o meu traballo porque sei que teño as ferramentas, teño o equipo e a xente. Así que o que sinto son moitas ganas, quero empezar a rodar e estar xa metido nesa dinámica.

P: Non resulta fácil ter a oportunidade de dirixir unha longametraxe profesional...

R:
Non, é moi complicado, realmente é un privilexio poder facer unha peli e facela nestas condicións, por iso lle agradezo a Vaca Films esta oportunidade e esa forma de ver o cine e de optar por buscar na canteira galega, que non é nada habitual, pero que é algo que hai que facer.

Tamén penso que ‘Retornos’ é algo natural, que sucede porque as cousas desembocan deste xeito. Eu levo moitos anos buscando facer unha película e se buscas, atopas.

As aparincias enganan
P: Ademais de director, ti es o responsable do argumento de ‘Retornos’. Que destacarías da película?

R: O que a min máis me gusta de ‘Retornos’ é que fala das apariencias, dos prexuizos que temos todos, de que as cousas non son o que parecen na maioría dos casos e de que todos temos cousas das que sentirnos orgullosos pero tamén cousas que non fariamos nunca máis. O que quero conseguir é que a película faga pensar polo menos un rato no que acabas de ver e nos prexuizos que ti tiveches e que o filme ao mellor che desmonta. Que faga meditar un pouco.

P: Que se pode dicir do seu reparto?

R: Síntome moi privilexiado pola xente coa que conto. Por exemplo, dos actores galegos vou volver traballar con Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, que é un fenómeno, un actor con rexistros incribles e un dominio tremendo da expresión e da súa forma de falar, o mesmo que lle pasa a María Bouzas, que tamén está no reparto, ou a Xavier Estévez, o protagonista.

De fóra de Galicia está a protagonista, Manuela Vellés, que ten dúas películas pero que é un animal diante da cámara, ten unha intuición incrible e vai achegar ao filme moitísima naturalidade e credibilidade. E logo ter a Emilio Gutiérrez Caba... que queres que che diga, para min é un privilexio traballar con el e dirixilo, aínda que non sei se dirixilo é a palabra porque é un deses actores que levan toda a vida e practicamente non hai que dicirlle nada.

As pingas do cine galego
P: Para o papel principal optaches por Xavier Estévez, que é case un descoñecido fóra de Galicia, pero ti reivindicas os actores autóctonos...

R:
É que en Galicia hai actores 'acojonantes', actores que levan moitísimos anos, que ao mellor de entrada nunca os viches en rexistros que a ti che apeteza ter na túa película pero que, ao que lle deas un mínimo de cancha, demostran que teñen un dominio absoluto do seu traballo. Gustaríame que quen vaia facer películas aposte por eles porque teñen experiencia suficiente para afrontar calquera tipo de traballo.

P: Como ves a situación do cine galego?

R: O cine galego son pingas, moita xente facendo moitas cousas, pero o que vexo é que hai poucas ventanas, poucos sitios onde amosar as cousas que facemos. Tamén penso que o cine galego ten que apostar por buscar nomes de seu, non hai ningunha cinematografía de peso que non teña nomes de referencia e eu creo que esa é a asignatura pendente do audiovisual galego, buscar nomes de aquí, darlles oportunidades para que se fagan películas dende aquí, con todas as consecuencias. Arriscar, que é o que Vaca está facendo comigo.

'Rodaxe bilingüe'
P: E en canto ás temáticas?

R: Penso que se tende moito ao tópico e hai que sair un pouco deles. Galicia vende moito paisaxe, moita tradición, pero Galicia é unha sociedade moi moderna, moi avanzada en certos aspectos, con problemas e vidas que poden ter habitantes de calquera outro lado. Por exemplo, a historia de ‘Retornos’ podería pasar en calquera sitio o que sucede é que temos que saber contala dende nós. Temos que aprender a querernos un pouco máis para poder falar de nós cun pouco de orgullo de dignidade. E hai que perderlle medo tamén ao idioma, nós non podemos falar de nós obviando o noso idioma.

P: Aplicas esa filosofía en ‘Retornos’?

R: Sí, imos rodar en galego e castelán, nunha proporción que pode ser dun 60-40%, iso foi un empeño meu. Eu sei que toda a película en galego non se pode facer por cuestións de distribución que eu non comparto pero que podo entender, pero si que penso que é necesario contar as cousas de verdade, e en Galicia fálase galego e castelán, e eu apostei por iso, por que o idioma fora un punto de apoio da historia e que quedara natural e crible na película.

P: Pensas que ‘Retornos’ poderá conseguir unha proxección internacional ou se quedará nos circuitos españois?

R: Se che digo a verdade eu só estou preocupado de facer a peli, non quero saber nin cando se vai a estrear nin como, nin se se vai ver aquí ou alá. Doume por satisfeito cando acabemos de rodar, cando a película exista, cando estea rexistrada en celuloide. E a partir de aí a produtora a moverá e claro que me gustaría que tivera un circuito exitoso pero o feito de que a película exista para min xa é unha pasada.

Comentarios