LUCENSES SEN FRONTEIRAS

''Exipto é un país moi seguro e o turista é moi valorado''


Etiquetas: reportaxe, Egipto, Iria González Panizo, Lucenses sen fronteiras

29/11/2009 - Mar M. Louzao / El Progreso (Lugo)

A xornalista cervense Iria González vive entre Occidente e O Cairo. Ten fixada a súa residencia desde hai un ano na capital exipcia, pero vive nunha urbanización privada para traballadores estranxeiros que é unha «burbulla» á marxe da suciedade, a pobreza e o ruído do Cairo. A capital, di, «ten rincóns marabillosos, pero tamén é a cidade do tráfico e da contaminación infinita, ambiental e acústica». Na «burbulla» de estilo occidental —con «beirarrúas, transitables, xardíns, farolas, servizo de limpeza, velocidade limitada»— Iria vive co seu home, David, traballador de Spanish Egyptian Gas, e o seu fillo de ano e medio, Adrián.

A David propuxéronlle o traslado coincidindo co nacemento do neno e aceptou. Iria e o neno aterraron no Cairo seis meses despois de que el chegara. A familia e os amigos «dicíannos que estabamos sendo moi valentes, pero non é para tanto a valentía. Aos estranxeiros prepárannos unha forma de vida moi cómoda e tranquila», aclara Iria.

Ela deixou o traballo en España cunha excendencia por maternidade. En Exipto coida do seu neno e batalla coa clase obreira. «Aquí as mulleres que quedamos na casa temos que lidiar con electricistas, fontaneiros, xardineiros, conductores, etc., que non é cousa doada polas diferencias culturais, a incomprensión idiomática e o feito de ser muller nun país maioritariamente musulmán». Estas loitas domésticas ofrécenlle, di, unha percepción do país máis directa do que pode ter un occidental «nunha oficina con xente dun nivel socioeconómico e cultural máis similar». O seu dominio de árabe é cativo, pero ten o propósito de acabar dominándoo. Mentres, deféndese co inglés.

Iria vese obrigada a rachar «o estereotipo que sei que existe cando se pensa no mundo árabe e no norte de África; este é un país moi seguro e o turista está moi valorado por ser fonte de ingresos principal». O visitante, conta Iria, debe ir prevido sobre o tráfico, pola«cantidade, o ruído e, sobre todo, porque conducen coma tolos». A familia ten chófer, aínda que Iria admite que colle o coche de vez en cando «para recados básicos, cos conseguintes subidóns de adrenalina», e nunca para distancias longas ou incursións no corazón da cidade. Aconsella paciencia para tratar cos exipcios : «O tempo non é ouro para eles e algo como pedir un menú nun restaurante pode levar moito tempo». E propón unha organización moi eficiente: «aproveitar que amence moi cedo e dedicar as primeiras horas ás visitas» e deixar as compras «para a noite, porque os comercios pechan case a medianoite».

Exipto non é un estado islámico, pero «a relixion impregna todo o social e cultural», explica Iria, así que para visitar arte islámico convén «levar no bolso un par de calcetíns porque haberá que camiñar descalzos; algo co que cubrir os ombreiros, e as pernas o menos descubertas posible».

Aparte dos grandes monumentos da cultura faraónica, Exipto garda outros tesouros. Ela recomenda «a mezquita de Ibn Tulum, o monumento islámico máis antigo que aínda está en uso; as pequenas mezquitas que se atopan nun paseo polo ‘Cairo Vello’, ou o barrio copto, un reducto cristiano nunha cidade tan islámica». Fóra do Cairo é moi recomendable o Mar Vermello, sobre todo Sharm El Sheikh, un paraíso para o buceo; oasis e desertos, e o Val das Baleas, que non coñece e ao que lle ten moitas ganas, onde se conservan esqueletos de baleas de máis de 40 millóns de anos de antigüedade.

Da paisanaxe, a Iria chámalle moito a atención que «hai quen non ten para comprar de comer pero leva un móbil no peto» ou casas «sen ventás, só con cortinas, pero cunha parabólica no tellado». Neste Exipto onde a pobreza convive coa opulencia, tamén lle chama a atención «que os exipcios adiñeirados son os menos considerados cos compatriotas desafortunados. Algúns semellan rexeitar a súa cultura e falan cos fillos en inglés ou francés no canto de en árabe».

Para Iria e a súa familia, a súa «xaula de ouro» é dura ás veces. «Temos ao lado ou traballando para nós xente que non ten nin o básico; é duro porque non podes acostumarte e tampoco mirar para outro lado». O peor, «é que o funcionamento da sociedade exipcia e do goberno tampouco dan moita esperanza de que a situación mellore», conclúe.

Saídas: «As propinas, obrigadas e moi necesarias»
A comunidade estranxeira, conta Iria, adoita reunirse a miúdo para espantar a morriña. Os plans máis habituais son «as barbacoas de día ou unha festa nocturna na casa de alguén». Para celebracións máis especiais, «pódese alquilar un barco que navega polo Nilo mentres serve comida, bebida e pinchan música». Para cear, acuden ao barrio de Zamalek, «unha illa no centro do Cairo que concentra moitas embaixadas e bastante habitante expatriado». Cando se sae, é «obrigado e moi necesario para quen a recibe deixar propina», di Iria. «Nos restaurantes caros adoitan incluir o imposto de servizo na conta e aínda así déixaselles algo. Na vida diaria dáselle propina a case todo o mundo», aclara. Nas discotecas «non se mestura demasiado o ambiente exipcio co dos estranxeiros», recoñece.

Prezos
No capítulo dos prezos é curioso que o pan —de pita— «está controlado polo goberno e unha peza custa menos de 2 céntimos de euro. Nos supermercados tamén se pode atopar pan de baguette por menos dun euro.

«É posible obter Adsl a prezos moi baixos para o que estamos acostumados nós, aínda que caros para moitos exipcios», pero os fallos e cortes son frecuentes.

Os exipcios parecen ter no coche un novo deus. «Os que o teñen non camiñan nin 50 metros . Son capaces de ir dar volta 500 metros máis adiante para poder parar na porta». Aínda que os peóns deben telo difícil, porque «non hai moitas zonas con beirarrúas transitables. No centro hainas, pero son moi altas para evitar que aparquen». 

3'7 (10 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.




Fotos

Iria, co seu fillo Adrián, nun rincón do Cairo (Foto: EP)
Iria, co seu fillo Adrián, nun rincón do Cairo (Foto: EP)