Un libro de fotos de Víctor López Villarabid recollerá o cambio urbanístico en Sarria
06/12/2009 - Javier Rivera / El Progreso (Lugo)
Víctor López Villarabid, que foi delegado comarcal do Progreso en Sarria ata a súa xubilación, non só escribiu miles de páxinas sobre a vida sarriá no medio século de actividade xornalística, senón que os obxectivos das dúas cámaras que utilizou ao longo da súa vida profesional captaron imaxes que reflicten o devir da localidade desde os anos sesenta ata a actualidade. Unha selección de 270 fotografías do xornalista, recentemente falecido, sairán á rúa en forma de libro dentro duns meses. O traballo recolle unha colección de instantáneas que reflicten a gran transformación urbanística experimentada por este núcleo nas últimas décadas.
Así verá a luz un proxecto gráfico que vén de lonxe e que culmina unha tarefa que, en principio, "presentábase bastante complicada", como deixou escrito o propio López Villarabid, ao que a morte lle chegou sen ver terminada esta iniciativa. Para o desenvolvemento da súa ambiciosa idea viuse axudado por dúas circunstancias que, ao cabo, tiveron unha extraordinaria relevancia na súa culminación. Un dos factores favorables foi o desenvolvemento urbanístico logrado pola iniciativa privada dos sarriáns, segundo indica Villarabid para o prólogo da obra. O segundo aspecto que lle axudou foi a coincidencia temporal do desenvolvemento desta tarefa co traballo profesional de Villarabid no Progreso durante case cinco décadas.
Santy López, responsable da dirección técnica deste proxecto gráfico, encargouse da selección de imaxes feitas polo seu pai co fin de buscar aquelas que son máis representativas do desenvolvemento urbanístico de Sarria. O traballo de maquetado corre a cargo doutro fillo de Víctor, Felipe López, que deixará o libro listo para a súa impresión final.
A publicación, que estará moi pronto en mans dos sarriáns, reflicte o crecemento dunha vila que, xunto coa súa comarca, foi distinguida nos anos oitenta como exemplo de poboación endóxena. Antes Sarria destacou como pioneira dos talleres de ebanistería na provincia e cabeceira da principal área agrícola e gandeira lucense, para entrar finalmente na gran revolución da construción.
Esta evolución da configuración urbanística queda resaltada nunhas fotos cargadas de nostalxia, xa que mostran o aspecto de varios dos lugares máis singulares da vila outrora. Unha das instantáneas, que recolle a derriba dun dos piñeiros plantados na Casa do Marqués, evidencia o don da oportunidade que distinguiu a López Villarabid como xornalista. Noutras pode verse o inicio das obras no Dique, a urbanización da actual zona escolar ou o cruzamento da avenida onde era habitual que se producisen accidentes ao encaixarse os vehículos no establecemento de AgroLugo. Villarabid tamén deixou fotografado para a posteridade o aspecto do cruzamento de Catro Camiños antes de que se levantase alí un edificio de oito pisos, o máis alto da localidade, segundo recorda o seu fillo Santy López.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.
#1 Por MRivas 07-12-2009 17:03
Non son fan do Villaravid, pero hei de facerme co libro, que, pola selección amosada na fotogalería, parece que terá boa pinta. Ademáis, seguro que será unha boa testemuña do de Sarria de ser un pobo pequeno a converterse nun dos máximos exponentes do "feísmo" arquitectónico.







