Larsson

''Mercou dous sofás do modelo Ikarlanda, de cor area, cinco butacas Poäng, de estrutura flexible, dúas mesiñas redondas lacadas de cor bidueira clara, unha mesa baixa de centro Svansbo e unhas cantas mesiñas auxiliares Lack (...). Completouno todo cun armario Pax Nexus, de tres portas e dúas pequenas cómodas Malm''.

Isto é o que Lisbeth Salandar, unha das personaxes de 'A moza que soñaba cun misto e cun bidón de gasolina', merca no Ikea de Kungens Kurka de Estocolmo no segundo volume da triloxía Millennium de Stieg Larsson. Tamén eu teño dúas pequenas cómodas Malm e unha barra auxiliar Lack mercadas no Ikea de Matosinhos.

A globalización tráenos os mesmos mobles dun best-seller mundial. Habítanos as casas, os lugares máis íntimos coa súa arquitectura e ofrécenos as mesmas miserias, terrores e alegrías cós seus protagonistas suecos. A literatura demóstranos que non somos tan diferentes. Que somos tan iguais.

Tamén, como un país vende e comunica a través dos libros e, neste caso, dos mobles. Como todo forma un conxunto exportable, unha imaxe de marca que repercute no plano cultural e tamén económico. Imaxinen Zara, Domingo Villar, Roberto Verino, Carlos Núñez, Cabreiroá, Blusens, Fina Casalderrey, Estrella Galicia. Algún día daremos ese paso.

Comentarios