''El gobierno de Lugo lo está haciendo muy bien, por eso es difícil ver a la oposición''

Chegado o ecuador dun mandato que non se presentaba precisamente fácil por ser o primeiro en minoría, Orozco di sentirse moi satisfeito pola xestión realizada —a pesar de que, na súa opinión, ten unha das oposicións máis duras que coñece— e polo equipo do que se rodeou, no que fará algúns axustes para afrontar a segunda metade da carreira.

Non se ve imprescindible, pero encántalle ser alcalde e vese con posibilidades de volver a selo a pesar de que aínda quedan dous anos para a cita coas urnas. "Ten que ser moi duro para os que están enfronte [en alusión á oposición] ver que son inasequible ao desalento", afirma mentres lle dá voltas a algúns axustes que fará proximamente no goberno para gañar en eficacia na última parte do mandato.

Véxoo satisfeito con esta nova experiencia de goberno en minoría.
Moito, porque sacamos temas importantes: aprobamos os orzamentos dos dous exercicios, o PXOM, puxemos a andar o Museo Interactivo da Historia da Cidade (MIHL), rematamos unha parte importante do plan Paradai... Non teño sensación de pesadelo.

Supoño que ten moito que ver o feito de que a oposición non llo está poñendo moi difícil.
Eu non penso así. Eu invítoa a que mire as oposicións que hai noutros sitios, non hai ningunha tan dura como a de Lugo, o que sucede é que o goberno estao facendo moi ben e por iso é difícil vela.

Pronto terá que empezar a pensar nos orzamentos de 2010 e quédanlle dous anos de goberno e só unha posibilidade máis de vincular a aprobación das contas a unha cuestión de confianza, como o fixo o ano pasado. ¿Como o vai facer?
Pois igual que o ano pasado, presentando unha proposta totalmente aberta para consensuar coa oposición o máximo posible, agás os compromisos que son indiscutibles. O da cuestión de confianza haberá que estudalo se fai falta, pero eu penso que os van aprobar.

¿Por que o cre?
Porque a ver como lle explican aos cidadáns que, tendo a posibilidade de participar na elaboración dos orzamentos, non o fan.

Nestes dous anos foi perdendo figuras de peso no seu goberno que ademais eran colaboradores moi estreitos:  Besteiro, Liñares...
¿E cre que non foron substituídos por outras figuras de peso? Eu creo nas persoas, pero tamén nos equipos, e estamos traballando moi ben. María Novo, que sacou o PXOM adiante; Rosana, que está na súa especialidade [Xuventude]; Sonia, traballando nunha área que hoxe é capital [Economía e Emprego]; a experiencia acumulada de Carmen [Servizos Sociais]; o traballo de Piñeiro, calquera se asustaría do número de obras que se están facendo; pregunte por Lino na zona rural; e Grandío?, que non houbo un concelleiro de Deportes máis querido en Lugo, e aí está Coti, capaz de compaxinar o Parlamento e o Concello...

Síntese ben arroupado, entón.
Moi ben arroupado, o que non quere dicir que non poida haber algún axuste para modernizar máis a estrutura e poder servir mellor aos cidadáns.

Adiántenos algo.
Quizais sexan necesarios algúns axustes, pero sen cambiar os concelleiros, para reforzar máis a cohesión. Por exemplo, Benestar ten que ir moi unido a todo o que é Economía e Emprego. As áreas non van cambiar, pero si hai que reforzar máis esa unión.

¿E nese reaxuste entra a posibilidade de que Concepción Burgo elixa entre o Concello e o Parlamento?
No PSdeG hai unha idea que eu defendo, que é unha persoa, un cargo, pero eu pedinlle a Coti que siga estes dous anos e vai facer ese sacrificio porque é unha persoa clave na vida do Concello. Despois das eleccións xa falaremos.

Outro dos seus edís, José Rábade, está no punto de mira ao ter que declarar polo caso da retirada de multas da Xefatura Provincial de Tráfico. ¿Ten a total seguridade de que se quedará niso?
Estou totalmente seguro. Teño plena confianza na Xustiza e creo que non vai ir máis aló.

Neste mandato o goberno aumentou o pulso coa Policía Local. ¿Vese gañador?
Eu non diría un pulso, senón que abrimos un debate para que as cousas funcionen doutra maneira, non para fastidiar a ninguén, senón para servir mellor a Lugo. Houbo momentos moi duros, pero eu pulso o ambiente na rúa e as cousas están moito mellor. E si, vexo posible un acordo porque temos bos mimbres e vai haber feitos importantes, como a xubilación do xefe.

Con isto parece que responsabiliza ao xefe dos problemas da Policía.
Non é iso, pero é unha persoa que leva moitos anos, coas vantaxes e inconvintes que ten, e estamos nun momento totalmente novo.

Véxoo contento co discorrer da Policía. ¿O alcalde e o director xeral xa se entenden? ¿Vai seguir contando con el?
Dixéronse moitas cousas, ata que mo impuxera Touriño, pero confío nel ao igual que no concelleiro, o que non quere dicir que no marco dun debate esteamos dacordo en todo. E si, ata onde sexa necesario vou contar con el.

Moita xente pregúntase sobre que achega Lugo en temas de drogas para motivar unha viaxe a Washington e a organización dun foro en Lugo o ano que vén.
Triste é se tentamos medir a rendibilidade a curto prazo, pero é un evento que pon a Lugo no mapa e que vai dar froitos.

Vostede xa hai tempo que dixo que quere volver a optar á alcaldía. ¿Creo que o partido vai volver a confiar en vostede?
Penso que si, aínda que en política dous anos son unha eternidade.

O PP tentará exercer un contrapeso a través da delegada. Non van ser unhas eleccións fáciles.
¿E que elección é fácil? A Xunta vai ter que seguir volcándose con Lugo porque se non vanllo demandar os cidadáns, pero non recibín ningún signo no sentido de ‘ídevos preparando’.

¿E que me di da renovación do PSdeG? O seu novo líder non é un lucense, como se chegou a dicir.
Falouse de Besteiro, pero eu sempre digo que nolo deixen polo menos outros seis anos en Lugo, e de Ricardo, que está facendo un papel moi importante. O que está claro é que o PSOE lucense saíu reforzado, antes, por exemplo, non había ningún membro do goberno local na executiva e agora está Sonia.

¿Xa ten data para reunirse con Feijóo?
Non, quedou en que nos visitaría el, como a todas as cidades.

Comentarios