Meteo
O temporal remite en Galicia tras causar unha vítima mortal e arrincar o tellado dun pavillón deportivo en Cangas
21/12/2009 - Galiciaé
O temporal de frío que este luns afectou a toda a Península coincidindo coa entrada oficial do inverno causou decenas de accidentes, entre os que se rexistraron, polo menos, tres vítimas mortais. En Galicia, unha percebeira de 50 anos de idade, María Antonia González Postigo, perdeu a vida mentres faenaba nas inmediacións do peirao da localidade de Rinlo, en Ribadeo. Segundo as testemuñas, a muller caeu ao mar tras escorregar nunha pedra. Cando conseguiron sacala da auga xa morrera.
As outras dúas vítimas mortais perderon a vida en accidentes de tráfico. En Lleida, un home saíu da calzada, a causa do xeo acumulado, e caeu co seu coche nunha canle; mentres que na serra de Cádiz, o vehículo dun condutor de 73 anos precipitouse ao rio polas bolsas de auga acumuladas na estrada.
As uralitas voan en Cangas
De novo en Galicia, a incidencia máis destacada que deixou o temporal produciuse na localidade pontevedresa de Cangas. O forte vento rexistrado cebouse co Instituto e arrincou de raíz o tellado do pavillón deportivo.
A estrutura, de máis dun centenar de metros cadrados, desprendeuse sobre os vehículos aparcados nas inmediacións con gran estrondo. Ademais, esnaquizou o tellado dunha vivenda e arrincou un poste do tendido eléctrico. As placas de uralita saíron voando, obstaculizando a circulación na estrada comarcal PO-551, un dos principais viarios de acceso á localidade.
A pesar do aparatoso do suceso, non houbo que lamentar danos persoais. No momento dos feitos os alumnos terminasen o tempo do recreo, aínda que a Dirección do centro educativo decidiu desaloxar as instalacións e enviar aos mozos a casa ante de tempo por precaución.
Os nenos, sen clase
Seguindo no terreo escolar, en Galicia máis de 2.000 nenos quedaron este luns sen ir a clase como consecuencia do temporal de frío e neve. Só nun municipio, o ourensán do Barco de Valdeorras, ata 1.121 alumnos dos Institutos de Educación Secundaria Martaguisela e Laura Olmo non asistiron ás aulas polo mal tempo. En total e por provincias, 1.861 pertencen a Ourense, a máis afectada; 178 á Coruña; 83 a Lugo; e 39 a Pontevedra.
En Lugo, unha menor, de doce anos resultou ferida a causa do forte que golpe que levou na cabeza ao escorregar en plena rúa e caer ao chan, como consecuencia do xeo que había na vía. O accidente produciuse ás portas do instituto de Educación Secundaria Basanta Silva, de Vilalba. Aínda que a pequena quedou inconsciente e foi trasladada ao hospital Xeral de Lugo, fontes sanitarias confirmaron que só sofre un traumatismo cranioencefálico de carácter leve.
A DXT, vítima do xeo
Por outra banda, tamén foi vítima do temporal o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, que sufriu unha escordadura nunha perna tras caer da motocicleta coa que circulaba en Madrid. Navarro escorregou cunha placa de xeo, segundo informaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico, que comunicaron outros tanto incidentes.
O temporal comezará a remitir este martes, aínda que persistirán a choiva e o vento. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) decretou alerta en 27 provincias por fortes chuvias e vento, principalmente no norte e no sur de España. En Aragón e Asturias prevese unha nova xornada de nevadas.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.





