O modelo francés no leite

A mediados da semana pasada as industrias, sindicatos e cooperativas franceses acadaron un acordo de prezos en medio dunha situación difícil como é  a da actual crise de prezos.

Houbo dous elementos importantes para chegar a este acordo. O primeiro foi o empeño dos sectores máis dialogantes de ambas partes de produtores e industrias por chegar a uns acordos, que permitiron establecer un difícil punto de encontro nunha situación desfavorable con notables incertezas sobre as perspectivas dos mercados. Un acordo que é fráxil e que vai ser contestado polos máis radicais que consideran que houbo cesións excesivas porque o prezo acordado segue sendo baixo.

O segundo elemento que axudou a este acordo foi a participación directa por parte do Goberno que aportou dous mediadores para as negociacións e o compromiso dun plan de apoio financeiro ás explotacións.

Deste modo venceu a posición dos que están a favor da colaboración para superar as crises. Fronte a unha importante crise de mercado, que en principio afecta de modo máis intenso aos países que como Francia teñen producións superiores ao seu consumo, sale adiante a posición máis negociadora e moderada dalgunhas industrias que aceptan uns compromisos de prezos a medio prazo fronte ás que queren ter as mans completamente libres en cada momento. Pero tamén o fan porque teñen unha experiencia pasada de traballar xuntos a nivel interprofesional para reforzar a súa posición común fronte a outros operadores como a distribución alimentaria e para asegurar o respecto a unhas regras de xogo que impiden as importacións en dumping doutros países. En Francia hai unha longa tradición nestas relacións e traballo en común entre profesións (produtores e industrias) con acordos de prezos que duraron varios anos con base ás referencias acordadas para o seu axuste en función da evolución do mercado.

O acordo da semana pasada recupera esa tradición que quebrara a crise actual, posto que non só establece un prezo para este ano, senón que trata de definir tamén un cadro de negociacións para o futuro. Para elo se lle encarga ao Centro Nacional da Interprofesión do Leite que estableza unhas referencias sobre a evolución da situación dos mercados de produtos lácteos.

Por todo iso o caso francés pode ser un bo modelo para as dúas partes que aquí terían que negociar directamente eses acordos e tamén para os gobernos da Xunta e do Ministerio que teñen que tomar unha posición máis activa.

Os franceses teñen ben claro desde hai anos que as dúas partes de industrias e produtores se necesitan mutuamente. Na práctica, pola experiencia dos últimos anos, esta posición non é aínda compartida aquí de modo maioritario.

Comentarios