O Concello alerta contra prácticas comerciais ''fraudulentas'' para vender potabilizadoras en Lugo
13/01/2010 - Ramudo / AGN (Lugo)
O Concello de Lugo alertou na mañá deste mércores de que unha empresa está a utilizar, presuntamente, prácticas "fraudulentas" para vender "potabilizadoras". Segundo informou a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Liño González Dopeso, a suposta firma comercial está a realizar chamadas telefónicas a domicilios particulares da cidade, nas que dá a entender que a auga da traída municipal non é apta para consumo.
Logo de efectuar esas chamadas e de establecer un primeiro contacto cos propietarios dos inmobles, explicou o Concello de Lugo, os seus axentes comerciais visitan as vivendas dos potenciais clientes para intentar venderlles "unha potabilizadora".
O goberno local anunciou que porá esta situación en coñecemento das "autoridades competentes", para que os corpos e forzas de Seguridade do Estado investiguen esas prácticas comerciais e a súa orixe, coa finalidade de terminar "con ese engano" á cidadanía e de que a suposta empresa asuma a responsabilidade da presunta fraude.
A concellaría de Medio Ambiente recordou que a auga da traída municipal é "potable" e, polo tanto, "perfectamente apta para o consumo". Por iso, "non é necesario que os usuarios utilicen ningún tipo de potabilizadora" nos seus domicilios particulares.
Tamén insiste en que os cidadáns teñen que saber que a estratexia comercial da citada empresa é "unha práctica fraudulenta, porque parte da base de que a auga non é potable, cando en realidade isto non é así".





