Trasgos

Coa eficaz axuda dos modernos medios informáticos dos que agora dispoñemos non parecería demasiado aventurado agoirar a desaparición case definitiva desa especie imaxinaria, azoute de antigos impresores, caixistas e correctores, á que chamaban trasgos de imprenta, seres enredadores e dados á leria que parecían non ter mellor ocupación que a de argallar, case sempre con intencións pouco amables, nos textos prontos a seren impresos mudando neles pés de fotos, facendo brincar liñas enteiras dentro da páxina e engadindo ou subtraendo letras até converter algunhas palabras en algo incomprensible ou mesmo ridículo. E a verdade é que moitos dos que xa imos estando ben entrados en anos aínda temos, por veces, unha certa nostalxia dalgunhas das súas falcatruadas e non nos conformamos de moi boa gana a pensar neles coma membros dunha especie condenada á extinción.

Certo é que non eran poucas as ocasións nas que o modo de actuar destes trasgos de imprenta resultaba molesto e mesmo podía levar a situacións realmente incómodas, pero tampouco non é menos certo que tamén podía servir, e de feito servía moitas veces, de xustificación e desculpa a algunhas metidas de zoco coas que nada tiveran eles que ver. Tamén por veces daban claras mostras dun agudo sentido do humor, como no caso dos que deberon intervir na composición do Diccionario da Lingua Galega que editaran a Real Academia Galega e máis o Instituto da Lingua Galega e que na súa primeira edición (1990) —supoño que nas seguintes alguén o corrixiría— e na entrada correspondente aparece: «Carallo s.m. Órgano xenial masculino», definición que, por máis que a algúns fixera inchar o peito, non creo que convenza nin pouco nin moito á metade máis importante do xénero humano.

Ou sexa, que aínda hai lugar para a esperanza. Sen ir máis lonxe, no ‘Auga lizgaira’ da semana pasada escribía eu, falando da nova composición do Parlamento Europeo: «non estaría de máis que se nos informase, aínda que sexa ‘grosso modo’, do que alí pretenden
facer» e despois, durante o proceso de publicación houbo unha preposición non convidada que se foi colar entre ‘sexa’ e ‘grosso’ sabendo, seguramente, que non debera estar aí pero conseguindo que algúns amigos me chamasen cariñosamente a atención sobre a inclusión errónea dese a superfluo. Con eles e con todas as demais persoas que teñen comigo a atención de ler estas liñas quixera xustificarme e dicirlles que non deberan engadir esta ás moitas incorreccións nas que, probablemente, veño caendo de contino.

Porque aínda seguen a andar por aí, afortunadamente, algúns daqueles trasgos de imprenta. Porque aínda seguen a andar por aí, afortunadamente, algúns daqueles trasgos de imprenta. Porque aínda seguen a andar por aí, afortunadamente.

Comentarios