Galaxia edita en gallego la primera novela de Pamuk tras ganar el Nobel

A nova novela do Premio Nobel turco está a espertar grande expectación no ámbito internacional, xa que é a primeira que publica desde que lle concederon o devandito premio no 2006. 'O Museo da Inocencia' publícase en galego antes ca en ningunha lingua europea, agás o alemán.

É unha das novelas actuais máis interesantes e máis ambiciosas, na que se relata a historia dunha paixón amorosa que se desenvolve en Istambul, entre 1975 e os derradeiros anos do século XX. Pamuk conta a historia de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade, e a do seu obsesivo amor segredo por unha rapaza da clase traballadora.

Kemal reúne os obxectos que pertencían á súa amada e, a través deles, vai narrando a historia de amor que marcou a súa vida. O escritor turco realiza unha crítica, non exenta de tenrura, da experiencia amorosa como posesión, unha reivindicación da forza das mulleres para acabar coa idea da muller como obxecto.

A impresionante recreación do Istambul da década de 1970 fai da novela un ámbito no que se representa simbolicamente o enfrontamento entre Primeiro e Terceiro Mundo nun só país, xusto no momento nos que as contradicións sociais están en pleno apoxeo.

A novela de Pamuk, traducida por Bartug Aykan e María Alonso Seisdedos, sae na 'Biblioteca Compostela', colección publicada coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago e que xa ten entre os seus títulos 'O castelo branco', a primeira novela do escritor turco, e 'Istambul', o libro de lembranzas sobre a súa cidade natal.

Comentarios