A TECELÁ EN OUTONO
A pedra de Sísifo
05/02/2010 - Marica Campo
AS PERSOAS DA MIÑA IDADE, e aínda outras algo máis novas, educámonos cun corpus legal baseado fundamentalmente na Ley Moyano, de 1857. Procedente en boa parte do bienio progresista (1854 - 1856), sería asumida polos conservadores e estaría vixente durante máis de cen anos. O franquismo acrecentoulle doutrina da Igrexa, nomeadamente da encíclica 'Divini Illius magistri', que Pío XI promulgara en 1929; 'Mater et magistra', publicada por Xoán XXIII en 1961; e tamén un documento do Concilio Vaticano II, 'Gravissimum educationis momentum'. Porque, rexeitadas as ideas da República, os principios básicos do réxime foron o catolicismo e o 'patrioteirismo' español. A Ley General de Educación y Financiamiento de la Reforma (1970), impulsada polo ministro Villar Palasí, marcou un fito na modernización do noso sistema educativo. Con ela chegou a escolarización obrigatoria até os 14 anos e a Universidade de Educación Nacional a Distancia. Contan que os asesores da Unesco lle recomendaron ao ministro que empezase por lles subir o soldo aos mestres. Xa non eran os tempos do «pasa máis fame que un mestre de escola», pero case. Eu sei que coa chegada da lei practicamente me dobraron o soldo. Aínda así, á reforma faltoulle un financiamento suficiente. Despois disto veu unha macedonia de siglas para designar leis que, ora se complementan, ora derrogan artigos das anteriores: LOGSE, LOPEG, LOCE…, até a LOE que rexe na actualidade.
Anda agora o ministro do ramo na procura dun gran pacto pola educación. Loábel intento o do señor Gabilondo. Se non o consegue, estaremos condenados a empuxar eternamente a pedra que roda costa abaixo antes de chegar ao cume, como na maldición de Sísifo; porque, en todo caso, sempre se lle botará a culpa do fracaso escolar ao sistema vixente.
Mesmo antes da lei Palasí, en tempos da Moyano polo tanto, xa sabiamos, con nome ou sen el, que a educación tiña que ser personalizada e tamén comprensiva, é dicir, que os alumnos debían permanecer xuntos nas mesmas aulas o maior tempo posíbel. Daquela faciamos da necesidade virtude, porque ao seren unitarias a maioría das escolas, non había outra opción. Eramos un desastre ensinando idiomas, se é que os ensinabamos, e contabamos con poucos recursos para os alumnos con necesidades especiais. Logo estaba o aforismo tan mal entendido de "a letra con sangue entra". Digo mal entendido porque, tomado á pé da letra, servíalles de pretexto a moitos e a moitas para zoscar sen piedade nas criaturas díscolas ou torpes. Falo por experiencia: Eu vin como se ondulaban as táboas do piso da aula a causa dos golpes que me daban cunha regra na cabeza. Ben entendido, o aforismo fala do esforzo que require a aprendizaxe. Esta, onte coma hoxe, non é posíbel sen un traballo persistente. Soará carca, pero estudar non é xogar.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.
#1 Por Pedro 08-02-2010 00:53
Leo con enorme interese todos os artigos de Marica Campo. Envexo a súa capacidade de síntese, acompañada dun idioma xenuíno, rico e cheo de suxestións. Son profesor e utilizo con frecuencia os seus textos como materia de comentario cos meus alumnos. Felicito igualmente ao Progreso por contar entre os seus colaboradores cunha escritora de tanta calidade e finura.









