OS ALCALDES DE LUGO / O Vicedo

Jesús Novo: ''A vivenda protexida e o centro de día son dous dos meus obxectivos prioritarios''


Etiquetas: entrevista, alcaldes, O Vicedo, Jesús Novo Martínez

08/02/2010 - Iago Casal / El Progreso (O Vicedo)

O alcalde do Vicedo, Jesús Novo, chegou ó cargo no ano 2001. Desde entón o popular intentou devolverlle ó seu concello unha tranquilidade política da que carecía nos anos previos ó seu mandato e cumple a metade da súa terceira lexislatura, segunda completa, co obxectivo de facer do Vicedo un lugar mellor para os seus veciños. Nestes tempos unha das súas maiores preocupacións é a creación de emprego, ademais da terceira idade, xa que lle gustaría ver construído un centro de día no concello. Mentres tanto, ten que buscar vías de financiamento para levar a cabo obras fundamentais para o benestar dos seus veciños, como o saneamento das parroquias.

Cales son os principais obxetivos do seu grupo de goberno neste ano 2010?
Un dos obxectivos fundamentais é que o Concello se faga cuns terreos onde se poidan construír Vivendas de Protección Oficial, que en principio serían unhas 25 ou 30. Estamos vendo a ver se podemos meter este investimento nos orzamentos deste ano. Ademais disto hai outros proxectos importantes, como a construción de un aparcadoiro no concello, xa que non hai sitio onde deixar os coches, e penso que é importante para os veciños das parroquias ou doutros puntos do núcleo urbano. No referido tamén a obras queremos continuar coa inversión en saneamento, seguir na liña dos últimos anos. Isto é posible gracias á aportación do plan E, co que xa sacamos adiante varios proxectos. Outro aspecto importante é o da ampliación do porto deportivo, algo co que estamos en contacto con Portos de Galicia e que agardamos que o organismo autonómico o leve a cabo en breve.

Cales son os aspectos que máis destacaría do feito polo Concello durante 2009?
Por riba doutra serie de iniciativas a min gustaríame destacar o obradoiro de emprego que comezou no mes de decembro de 2009 e que continuará ó longo de todo un ano. É moi importante este tipo de iniciativas porque o beneficio é moito maior, xa que por un lado fanse obras para o propio concello, e por outro toda a xente que forma parte do obradoiro é como se tivera un traballo durante un ano, o cal na época na que estamos é moi positivo. Xa en 2007 e 2008 fixeramos outro obradoiro ofertando 23 prazas, e tivo moi boa acollida. Ensinouse carpintería, xardinería e outras formacións que son tamén útiles para o futuro laboral e para un concello como O Vicedo é moi importante o feito de contar con dous obradoiros destas características case seguidos. Logo, en canto a obras, fixéronse uns arranxos na rúa Cidade de Mondoñedo e continuamos tamén con tema do cambio de tuberías, ó igual que o saneamento e o abastecemento de auga. Agora mesmo no centro urbano xa están corrixidas as tuberías e notase a diferencia.

Ten decidido presentarse os próximos comicios municipais?
Non. Iso xa se verá cando chegue o momento pero polo de agora nin sequera me parei a pensalo.

Cales considera que son os proxectos máis fundamentais para levar a cabo nos próximos anos no Vicedo?
Un dos proxectos máis importantes que me gustará ver finalizado é o do saneamento integral de Abrela. Para isto xa se presentou un proxecto a Augas de Galicia cun custe de 800.000 euros. Tamén nos gustaría poder aumentar o número de vivendas dispoñibles en San Román, xa que é algo co que levamos tempo pelexando. Penso que vai estar complicado, porque non hai cartos, pero seguiremos buscando vías de financiamento ou subvención. Ademais de todo isto, un proxecto que si que sería dunha gran importancia para o concello é o de crear unha rede de abastecemento de agua que chegase a todas as casas, facendo así unha alternativa ó depósito que hai hoxe en día instalado. Polo momento tan só hai borradores feitos, xa que ó ser un proxecto de envergadura necesitamos estudialo máis. De tódolos xeitos, o que si pensamos facer este ano e que é moi importante para todos os veciños é a creación dun centro de día, que previsiblemente estaría instalado na Casa do Mar. Neste senso, eu teño o compromiso do director xeral de Benestar, pero penso que igual non se vai poder facer na Casa do Mar, pero en calquera caso buscaríamos outro lugar de emprazamento.

MOI PERSOAL
Cales son as súas principais afeccións cando dispón de tempo libre?
Gústame moito a caza menor, que é algo que practico cando dispoño dun pouco de tempo. Conto cun can, Atos, e unha cadela, Sara, que me axudan cando vou de caza. A min gústame ver os cans no seu ambiente, como neste caso, antes de que estean nun piso, xa que non os vexo como animais de compaña. Ademais disto, a pesca é outra das afeccións que practico, xa que é moi relaxada. Por suposto, outra cousa que me gusta moito é xogar ás cartas cos amigos, concretamente ó tute.

Decidíuse a entrar no mundo da política por vocación?
De entrada, eu penso que nestes pobos non hai ninguén que entre na política por vocación. Entras porque alguén pensa que o poderías facer ben e porque queres que O Vicedo vaia ben, pero penso que non hai case que ningún concelleiro ó que lle guste a política, pero faise polo interés do pobo.

Cal é o seu principal desexo unha vez remate a súa etapa política?
A min o que me gustaría é poder seguir tomando viños cos amigos e xogar ás cartas como fixen sempre. Penso que cada un pode ter as súas ideas políticas, pero que non deben ir máis aló. Cando eu entrei na alcaldía había unha situación complicada, xa que había continuos enfrontamentos entre os veciños por temas políticos e iso a min non me gustaba. Agora xa non pasa iso, non digo que porque eu fose alcalde, pero si que é algo que valoro moito que cambiase nestes anos.

2'9 (18 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



Fotos

Jesús Novo, alcalde de O Vicedo (Foto: Antonio López)
Jesús Novo, alcalde de O Vicedo (Foto: Antonio López)