As foxas do franquismo

Á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña chegoulle un anónimo hai meses, no que se lle indicaba o lugar da parroquia de Vilarraso do Concello de Aranga -provincia da Coruña- onde se acha unha foxa -a maior de Galiza- cos cadáveres duns 37 ''paseados'' durante os primeiros anos da ditadura franquista. No mesmo termo municipal, situado no límite coa provincia de Lugo, segundo os datos, existen varias foxas máis sen escavar.

En total, unhas 80 persoas demócratas e defensoras da legalidade republicana, atópanse nun triste abandono, soterradas desde hai seis décadas nas terras de Aranga. Trátase do conxunto máis numeroso dos galegos e galegas vítimas da represión franquista que aínda fican sen encontrar un digno repouso. En Budiño (Porriño), Baredo (Baiona), Xeve (Pontevedra), Portomarín e Mondoñedo áchanse outras foxas, mais en cada unha delas, polo que se sabe, o número de vítimas é menor.

Nas foxas de Aranga repousan homes e mulleres na súa grande maioría sen identificar. Dos que si o están hai diversidade de procedencias: A Coruña, Lugo, Aranga, Rábade, Becerreá, O Saviñao, Bóveda, Cambre, Oleiros e Betanzos. Esta zona por onde pasa o río Mandeo, xunto coa próxima da Costa do Sal, foi unha das preferidas para eliminaren e desfacérense de republicanos a partir do 17 de xullo de 1936.

Os veciños máis vellos din de xeito expresivo, ao se lles preguntar sobre aqueles tráxicos sucesos, que debaixo das pontes aranguesas o río baixaba tinxido de vermello. Aquí están os restos de inocentes como Mercedes Romero Abella, mestra no barrio coruñés de Monelos, esposa do dirixente da UXT coruñesa Mazariegos, que foi violada e á que lle cortaron os peitos antes de matala. Como tamén o alcalde socialista da vila asturiana de Aller.

Para explicar semellante acumulación de ''paseados'' habería que pensar no relativo aillamento de Aranga, a boa comunicación que representaba o paso da estrada N-VI por estas terras e a proximidade do terríbel campo de concentración habilitado na antiga fábrica de coiros da rúa Magdalena de Betanzos, no que estiveron centos de persoas retidas, entre outras, o humanista catalán recentemente falecido Vicente Ferrer e o pai do ex lendakari Ibarretxe.

A Lei da Memoria Histórica supuxo un pequeno avance con respecto á transición, na que se obviou o recoñecemento debido aos centos de miles de vítimas do réxime franquista. Esta ditadura, que foi definida pola Asemblea Xeral da ONU como de carácter fascista, provocou a desaparición de 150.000 persoas e a substracción de 30.000 nenos fillos de republicanos.

Unha das insuficiencias da devandita lei é que non asume que os poderes públicos realicen as exhumacións pertinentes, deixándoas nas mans das asociacións da memoria histórica, logo da reclamación dos familiares aos xulgados. O Estado español incumpre así o Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos, ao non investigar estas desaparicións forzosas. Tampouco caben moitas esperanzas de contar coas axudas da Xunta actual, ensumida nas súas tarefas regresivas. Só as pequenas e espontáneas flores que cobren o senlleiro campo de Vilarraso semellan homenaxear ás vítimas.

Comentarios