LA ENTREVISTA
José Manuel Mato Díaz: ''Paradela está a executar un ambicioso plan de fomento do turismo en base á natureza''
08/03/2010 - A. Casanova / El Progreso (Paradela)
Firme defensor do Camiño Francés e do mundo rural, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato (PP), insiste en reclamar para o primeiro a atención que lle corresponde por parte do Xacobeo e para o segundo, menos burocracia e máis autonomía municipal.
Información relacionada
¿Que retos se marca para o que queda de mandato?
Cumprir o programa ó 100%. Estase facendo o plan de ruta para a residencia de maiores, que podería contar tamén cun centro de día. A nosa idea é comezar este ano e rematala no próximo. Calculamos que terá entre 100 e 120 prazas, pero non está definido se será pública, privada ou semiprivada. Tamén se está executando, con máis de 600.000 euros, a traída de auga a Andreade, Vilaragunte e Barán. Ademais, temos outros investimentos en núcleos rurais que superan os 600.000 euros. Outra obra moi importante é o polígono. Está o plan parcial en Patrimonio e, en canto veña, esperamos que a Deputación o execute neste ano.
Con fondos do plan E instalarán paneis solares para xerar ingresos. ¿É a autofinanciación a única saída para concellos pequenos?
Necesitamos xerar recursos e ingresos e non podemos subirlle os impostos ós cidadáns. Con 237.000 euros, instalaremos 45 quilovatios no polideportivo, o mercado e o centro social, que nos darán uns ingresos de 30.000 euros ó ano, o que nos permite obter recursos para mantemento de edificios públicos. Dende o equipo de goberno loitamos nesa liña, tamén cos parques eólicos. Hai tres en proxecto, cuns 120 megavatios en conxunto, e confiamos en que agora saian os tres adiante.
Teñen en marcha a declaración das ribeiras do Loio como Espazo Natural de Interese local (Enil). ¿Que suporá para o futuro de Paradela?
É outro proxecto estrela e un dos máis atractivos de cara ó turismo e a potenciar a zona. As ribeiras do Loio, que nace e morre en Paradela, están cheas de historia porque aí houbo sete mosteiros. Queremos facer unha actuación de conservación en 60 hectáreas, protexendo eses bosques, recuperando as ouriceiras, os valados tradicionais, restaurando muíños, mellorando camiños...
¿Esta declaración permitiralles acceder a subvencións europeas?
Esa é a nosa idea: facer un sistema de protección aproveitando axudas para mellora da natureza, da riqueza piscícola, da fauna e dos usos tradicionais. Tamén temos intención de seguir investigando no castro de Barán e poder abrilo para visitas guiadas, ou actuar no futuro no castro de Francos. Paradela está a executar, en base á súa natureza, un plan ambicioso para o desenvolvemento turístico do concello e potenciar así que os cidadáns acaden outras rendas. Agora fáltanos ese hotel que ten que nacer da iniciativa privada.
¿Fíxose xa algunha xestión en relación con ese hotel?
Hai conversas con persoas que están interesadas nese proxecto, que se ubicaría na capitalidade. Freouse un pouco debido á crise, pero hai xente interesada. Na liña de potenciar o turismo sería interesante que saíse adiante a creación dun centro gastronómico na reitoral de San Facundo. Parece ser que ese tipo de negociacións están avanzadas, pero temos o problema do acceso a San Facundo, que está a medio facer. É básico que o vial chegue ata o mosteiro e continúe ata O Saviñao.
Paradela foi o segundo concello de Lugo en ter PXOM. ¿En que medida favoreu o desenvolvemento?
Hai 12 vivendas de promoción privada que se están rematando e que se non fose o PXOM non se poderían facer. Agora estamos cun plan sectorial para outras edificacións. O PXOM permítenos tamén definir o polígono industrial.
Como concello xacobeo ¿que espera Paradela deste Ano Santo?
Estamos preparados para recibir a moitos peregrinos pero o primeiro que esperamos é que alguén lle dea un toque ó capitán que lle toca dirixir a nave do xacobeo. É unha vergoña ver como está o Camiño Francés e non imos deixar de esixir responsabilidades a quen as ten para que o adecente. A Administración non se está comportando como debe co Camiño Francés.
¿E que tal con Patrimonio?
Falta sentido común. Hai verdadeiros disparates. Fálase da protección do rural. Rurais tamén son municipios do entorno da Coruña e de Pontevedra, que están desfeitos, pero á hora de aplicar as normas non se actúa igual.
MOI PERSOAL
Despois de 30 anos na alcaldía, estará de volta e media de todo...
O que estás é cada día máis comprometido. Ten máis momentos ingratos ca gratos, pero tes a satisfacción de ver o cariño da xente e que o teu labor é bo porque así cho din os cidadáns. Iso faite seguir adiante, coa ilusión de sempre, con máis veteranía e cada vez máis crítico coas estruturas políticas e coa administración, que non é funcional senón paquidérmica.
Nas últimas eleccións tiña dúbidas sobre se presentarse ou non. ¿Aínda se plantea ese dilema?
Esa dúbida sígoa tendo. É algo que está aí na teima, tamén polo que me pide a familia e o que noto na saúde. Hai un ano por diante e, se nese ano cerro proxectos como o da residencia, ó mellor é o momento de pasar a outra situación; de non estar tirando polo carro, senón seguir no carro, pero empuxando. Non o teño claro aínda.
¿Cantas veces fixo o Camiño?
Tres. No 2004, dende Roncesvalles a Santiago, despois de Conques a Roncesvalles e en outubro pasado outros 200 quilómetros do Camiño aragonés. Teño unhas botas que xa teñen 1.600 quilómetros e este ano volverei facer o Camiño.
¿Mantén a afección polas motos?
Si, e ó tela eu saíulle tamén ós meus dous fillos. Seguimos colaborando co motoclub e gustaríame recorrer Europa en moto.
Supoño que con Diego López na portería será fan do Villarreal.
Estou totalmente comprometido co Villarreal aínda que non deixo o Superdepor. En Paradela énchenos de orgullo que Diego López sexa tamén porteiro da Selección.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







