Exposición
O 'mestre' Castelao imparte a derradeira lección no Museo de Lugo
12/04/2010 - Galiciaé
O Museo Provincial de Lugo acollerá desde o vindeiro mércores e ata o mes de xuño a exposición A derradeira lección do mestre, na que se poderán contemplar aspectos expositivos inéditos da vida e obra do escritor, pintor e figura sublime do nacionalismo Afonso Rodríguez Castelao.
A mostra abarcará unha etapa da vida de Castelao, a que vai desde 1936 a 1950, que o vicepresidente primeiro da Deputación, Xosé Antón Bao, considerou "necesaria e imprescindible" para apreciar a "traxectoria vital" do escritor.
Bao indicou que a exposición coincide co 60 aniversario da morte da "figura máis importante da historia deste país". Un dos comisarios, Felipe Senen, explicou que nesta exposición "Castelao explícase por si só" a través da súa "gran creatividade", tras pór a súa arte "ao servizo do pobo".
Ademais da exposición haberá unha programación cultural paralela, cun concerto a cargo de Elías Castiñeira, e visitas técnicas, charlas-coloquio, taller de caricaturas e proxeccións. Tras acceder ao recinto expositivo poderase contemplar un dos obxectos máis representativos de Castelao, como son as súas lentes e á beira varios autorretratos, así como documentación orixinal de manuscritos.
O paseo visual continúa por un espazo de autocaricaturas e imaxes do álbum Nós, xunto cun debuxo sobre tea dunha camisa do propio Castelo realizado en 1935. Tamén se poderá contemplar a primeira edición de Sempre en Galiza, o mesmo que os seus clásicos álbums de guerra, o pasaporte da súa esposa ou a última foto que lle realizaron en vida en Buenos Aires.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.









