López Vega: ''No 2010 repetirase o convenio para mercar pisos para chabolistas de Lugo''

Nunha semana de intenso debate urbanístico en Lugo, José María López Vega, xefe territorial de Infraestruturas en Lugo, responde a algúns dos temas máis relevantes, pero con prudencia. "Os xefes territoriais non somos os delegados de antes," insiste. É o xefe en Lugo dunha das áreas con máis peso da Xunta, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas —labor que compaxina coa dirección do Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos—, pero, moi no papel que lle encomendou o Goberno galego —"hai opinións que lle corresponde expresalas á delegada", insiste unha e outra vez—, non se sae do guión nin por un segundo.

O urbanismo cobrou actividade esta semana coa sentenza da urbanización pegada ás costas do Parque. O goberno local di que a xuíza interpretou mal a normativa urbanística. ¿Opina o mesmo?
Todo parece indicar que hai un trámite que non se cumpriu e o que está claro é que o deseño urbanístico que se aprobou para aí non é o máis axeitado porque afecta a un dos valores más importantes do Parque, as vistas ao Miño. O proxecto está amparado nun plan xeral, pero a responsabilidade é de quen o aprobou porque puido ter máis sensibilidade.

A plataforma en defensa do Parque pediu á Xunta que pare as obras, farao?
A Consellería de Territorio non é competente porque o que se cuestiona é a protección de dos bens culturais, pero, que eu saiba, non hai ningunha decisión tomada.

¿Como vai a revisión do PXOM? ¿Cando lle darán o visto bo?
Segue a súa tramitación. Houbo reunións co Concello, pero no verán todo vai máis lento. Esperemos que os atrancos que poida haber se solucionen, porque para Lugo é moi importante.

Dende o colexio de aparelladores vostede sempre defendeu a necesidade dun acceso á cidade alternativo a Carlos Azcárraga. Agora que ten responsabilidades no Goberno galego impulsarao?
Serei coherente, e se xorde a oportunidade de emitir a miña opinión será nese mesmo sentido, pero de momento non teño constancia de que se planteara este tema. O que esperamos é que, se Fomento vai en serio coa estación intermodal, aborde a mellora da accesibilidade nesa zona, será fundamental.

Nesa zona tamén é moi importante rematar o Plan Paradai. ¿Contrataranse máis obras en 2010?
Eu espero que si. Quedan dous proxectos. Un que inclúe a construción da nova ponte e a conexión de Duquesa de Lugo coa estación de tren, no que se están facendo uns axustes. O outro é o que afecta á Calzada das Gándaras.

O presidente da Xunta presentou hai uns días o plan Move, con varias obras en Lugo, pero non concretou. ¿Que prazos e partidas hai para actuacións como o remate da Ronda Leste e o desdobramento do corredor Nadela-Sarria?
De momento iso é o que hai. Haberá unha presentación en Lugo.

O bipartito deixou listo para firmar cos concellos o convenio para a posta en marcha do transporte metropolitano, con rutas e tarifas establecidas. ¿Que falta?
En Coruña, Santiago e Vigo está funcionando. En Lugo falta que a Dirección Xeral de Mobilidade estude aspectos como as rutas, os prezos... para, a continuación, firmar cos concellos.

¿Cando comezará a venda de parcelas no polígono das Gándaras?
A primeira fase estará lista cara a octubre de 2010, e catro ou cinco meses antes comezaremos o proceso de adxudicación provisional, para o que rebaixaremos o nivel de esixencia en aspectos como o proxecto arquitectónico, as penalizacións... Hai que evitar a especulación, pero é necesario adaptar os requisitos ás circunstancias actuais.  O prezo medio do metro cadrado será duns 100 euros.

¿Por que zona da cidade se apostará para vivenda protexida unha vez que o PP rexeitou O Carme?
Aínda non se abordou, pero farase en consenso co Concello.

Os pisos para realoxar as familias xitanas do Carqueixo que teñen vivendas sociais adxudicadas na Ponte e Aquilino Iglesia Alvariño están mercados, pero aínda quedarán outras 15 no Carqueixo. ¿Repetirase o convenio Xunta- Concello para mercar os que faltan?
Si, hai un convenio entre a Xunta e o Estado para promoción de vivenda para colectivos desfavorecidos que permitirá continuar.

Comentarios