OS ALCALDES DE LUGO / Baralla

Manuel Jesús González Capón: ''Tras 15 anos de problemas empezou a obra das piscinas e abrirán para o verán do 2011''


Etiquetas: entrevista, alcaldes, Baralla, Manuel Jesús González Capón

03/05/2010 - Pilar G. Cheda / El Progreso (Baralla)

Manuel gonzález capón xa é alcalde de profesión. Di que ós seus 58 anos non podería volver ó seu posto anterior de banqueiro porque tras dúas décadas á fronte do Concello xa perdeu a práctica. Agora leva outras finanzas, as públicas, e afirma que hai que administrar con tino para optimizar recursos en tempos de crise.

Que lle queda por facer no ano e pico que falta ata as eleccións?
Hai que ir rematando os proxectos que xa están encamiñados, como a residencia de maiores ou o punto de atención á infancia.

Cando estará lista a residencia?
As obras rematarán este ano e espero que estea inaugurada, como moi tarde, a principios do 2011. É unha obra moi importante porque xerará emprego para 40 persoas e a Fundación San Rosendo comprometeuse a que sexan desta zona.

E o punto de atención á infancia?
A Xunta xa concedeu unha subvención de 250.000 euros para facelo. Estará na antiga casa do médico e a intención é que empece a funcionar neste mesmo mandato. Nos últimos tempos houbo un repunte na natalidade en Baralla e temos que dar servizos canto antes.

A área fluvial parece un proxecto eterno.
Estivemos 15 anos para conseguir uns terreos céntricos, é moito tempo e deunos moitos problemas, pero agora xa estamos rematando. As obras das piscinas xa empezaron e estarán listas para o verán do ano que vén. Agora estase traballando na construción do edificio onde irán os vestiarios, aseos e taquillas, e despois faranse os dous vasos.

Que lle gustaría facer e non lle vai dar tempo antes das eleccións?
Non me propoño imposibles porque o tempo é o que é. Teríame gustado que Suplusa tivese aceptado o proxecto que presentamos para facer o polígono industrial, pero o goberno da Deputación non ten sensibilidade nestes temas. Esperemos que no próximo mandato o PP recupere o goberno provincial e o polígono saia adiante.

Ten moitas esperanzas postas no cambio de goberno?
Claro que si. Dende que cambiou o da Xunta fixéronse moitas cousas. Por exemplo, xa temos o compromiso de que se vai amañar o acceso de Baralla á A-6, na LU-710, que
une Baralla e Baleira. O anterior Goberno excluíra este enlace de catro quilómetros do proxecto de acondicionamento. Agora teño o compromiso do conselleiro Agustín Hernández de que se fará a obra. A nova Xunta tamén decidiu pechar a oficina de Igualdade e Benestar. Esa oficina creouna a Vicepresidencia do Goberno bipartito, pero non ten contido, non fai nada. Ou se lle dá un xiro ó tema ou non serve para nada. Non se pode pechar sen máis porque está subvencionada con fondos europeos, pero é cuestión de meses.

Cal foi a súa maior satisfacción nos anos que leva de alcalde?
Foron moitas. Cada día empezas con ilusión. Puiden ver un cambio total no municipio, o cal é lóxico porque pasaron 20 anos.

E o seu maior desgusto?
O momento das expropiacións para facer obras. Sempre son conflitivas. Por exemplo, tiven moitos problemas para ampliar as rúas da Serra e Fabeiro. Hoxe os veciños entenden que era necesario, pero no momento houbo moito enfrontamento.

De que se pode vivir en Baralla?
Traballando, como en todas partes. O 60 por cento da poboación vive da agricultura e a gandaría. Somos o municipio dos Ancares con máis cabezas de gando. Tamén hai dúas canteiras, un aserradoiro e bastante xente empregada no sector servizos.

Cómo vendería Baralla a alguén de fóra?
É un lugar agradable para vivir. Estamos ben comunicados coa autovía A-6, temos un entorno moi bonito, con río e montaña, e moi bo clima.

O do microclima é un conto que cada un di do seu lugar.
Non, o de Baralla é certo. Aquí temos sol cando os concellos do arredor están cubertos de néboa. É un val moi resgardado.

Ten algún proxecto de promoción turística?
Intentamos, pero a iniciativa ten que ser privada. Por exemplo, abriuse hai pouco unha casa de turismo rural. Nós queremos promocionar os encantos naturais e se veñen visitantes tamén aumentarán os negocios.

MOI PERSOAL
Vostede en qué traballaba antes de ser alcalde?
Era o director da oficina do Banco Gallego de Baralla. Antes estivera nunha de Lugo.

A que dedica o tempo libre?
Antes ía á caza menor e pode que agora volva. Tamén gozo moito xogando ás cartas cos amigos. Hai un nivel alto.

Que libro está lendo?
Leo pouco. Fágoo sobre todo en internet, normalmente prensa. Tampouco vou ó cine, hoxe en día estamos saturados pola televisión.

Que música lle gusta?
Toda a que non sexa excesivamente moderna. Poño a radio no coche e escoito o que saia, se é variada entretenme máis.

Cociña?
Teño boa cociñeira e non quero meterme no seu terreo, non estaría ben.

Axuda nas tarefas domésticas?
Nada, nunca o fixen. Na miña época non se compartía o traballo da casa. Hoxe é outra cousa, porque normalmente traballan os dous membros da parella e hai que axudarse mutuamente.

Que tal se lle dan as novas tecnoloxías?
Gústanme, entretéñenme e fago o que podo.

Ten que pedir auxilio ós seus fillos para utilizar o ordenador?
Non. Xa é imposible vivir sen el. Hai que mirar o correo cada mañá porque se non tes 15 pendentes tes 50. Custou traballo adaptarse ó principio, pero houbo que facelo
por necesidade. Ademais, con catro conceptos básicos xa te vas defendendo.

2'1 (8 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



11 comentarios

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


#11 Por EXILIADO 14-05-2010 17:09

Normal

CAPON DIMISION!!! FAI FALLA TER CARA PARA SAIR NO PERIODICO E NON CONTAR NADA... PARECE MENTIRA QUE DESPOIS DE 20 ANOS TODO SIGA COMO ESTABA, INCLUSO EL, QUE FAI O MESMO QUE NA SUA CASA, NADA. NECESITAMOS CAMBIOS, SE NON PROBAMOS, NUNCA SABREMOS ATA ONDE PODE CHEGAR ESTE POBO. DEBERIA DE DARNOS VERGOÑA UN ALCALDE QUE NO SEU TEMPO LIBRE, XOGUE AS CARTAS OU VAIA PEGAR TIROS POLO CAMPO, EN VEZ DE ESTAR PENSANDO COMO TRAER TRABALLO O SEU POBO E COMO LEVANTALO DA SUA DECADENCIA. NON QUEREMOS UNHA VILA PRA DESCANSAR CANDO NOS XUBILEMOS, QUEREMOS VIVIR NELA E QUE AVANCE NO TEMPO.


#10 Por sigoundopobo 13-05-2010 19:26

Normal

Por poñer algúns exemplos: Día da troita, da tenreira, da xuventude, da infancia, da romería, do baile, da pintura, da música, medieval... Ocúrrenseme centos e todos sen case aportación económica e suporían movemento, entretemento, apertura de novos negocios... Outra opinión que teño e que penso que non se leva a cabo é o de facilitar ó máximo posible a creación de novas empresas, as cales se debía de convidar a abrir no pobo, cas máximas facilidades posibles, son postos de traballo, xente po pobo, construcción, economía... Sempre o mesmo.


#9 Por undopobo 13-05-2010 19:20

Normal

Normal que houbera cambios no pobo, en 20 anos é normal, pero en moitos casos son cambios a peor, non todo cambio significa algo bo. Eu penso que a xente nova do pobo debe comezar a tirar algo do carro e comezar a moverse para crear eventos no pobo, xa que últimamente carécense e pérdense de todo tipo de eventos e tradicións. Dende o meu punto de vista este tipo de actos deberían estar organizados e dirixidos polos concelleiros e empleados do concello, xa que sería unha atracción turística para o pobo, o cal atraería xente de fora e daría auxe o pobo, movemento, economía... Sobre todo no verán. E son cousas baratas, non fai falla irse a florituras.


#8 Por nonchodigo 12-05-2010 21:50

Normal

Certamente a labor da alcaldía non é que seña extraordinaria, pero vai cumplindo cas obrigas. Quizais esteñan algo descoidado o referente ó turismo, e o que é a inmersión no campo das enerxías renovables no concello, podendo convertir Baralla (con certa inversión) nun concello punteiro neste prometedor sector, e tamén xeraría moito emprego.


#7 Por cani 10-05-2010 20:02

Normal

A verdade é que o pobo gañou dende que goberna este alcalde, e esperemos que nas proximas lexislaturas siga facendo melloras no pobo.


#6 Por COMENTADOR40 04-05-2010 18:13

Normal

Baralla quen o viu e quen o ve, este pobo vai en decadencia total, cerran comercios e bancos na vila e cada vez somos menos veciños. A xestion do Alcalde so e boa pra que marche ben o seu negocio de pompas funebres, que por certo, pro cal lle salen mui baratos os empleados.


#5 Por opinador 04-05-2010 13:17

Normal

para poder ver isto que o temos no noso pobo.¿porque se deu paso a este feito?tan só recordos de nena ó igual cos demais,aparte das piscinas das que fala, tamén se podía botar man de este espacio, de verdade, é unha mágoa que esté así, non é o traballo que require, tan só ganas


#4 Por opinador 04-05-2010 13:09

Normal

Teño 25 anos e recordo con alegría a miña infancia e o verán na área recreativa de Sobrado de Picato, coa piscina, a fonte, o campo de fútbol e as mesas para comer, e a senté que alí acudia,hoxe en día tan só podo mirar ese lugar con moita tristeza,ninguén se ocupou de mantelo en bo estado, esto foi deteriorandose e ninguén se ocupou de mantelo a pesar das moitas peticionse,os propios veciños temos que desprazarnos


#3 Por Observador31 04-05-2010 13:09

Normal

Difíciles xestións para comprar os terreos, si, sobretodo cando un era del, e os outros dous tolos por vendelos polo altísimo valor que se lles había posto a estes terreos, quizais xa con vistas uns anos antes. Quen tiña un terreo ahí, tiña unha mina. A residencia é privada e os accesos vannos custar (cartos públicos) máis que obras ben necesarias. Supoño que será unha maneira de que o dono meta ós elixidos do alcalde.


#2 Por opinador 04-05-2010 13:03

Normal

En 20 anos tamén se podería ter en conta arranxar a area recreativa de Sobrado de Picato


#1 Por carlangas37 04-05-2010 10:39

Normal

O titular desta entrevista xa pode dar unha idea do que traballa este alcalde pola vila , e dicir , que despois de 15 anos vanse facer unhas piscinas ... parece como si fora esta obriña a do escorial ... en fin sen comentarios .
Neste concello dende fai tempo necesitase renovación , xente nova que aporte capacidade de xestión e sobre todo traballo .


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

Manuel González Capón (Foto: Xesús Ponte)
Manuel González Capón (Foto: Xesús Ponte)