O neno é dos dous
29/05/2010 - Sabela Corbelle / El Progreso (Lugo)
Só cinco de cada cen pais separados teñen a custodia compartida dos seus fillos. Este dato reflexa o escaso número de sentenzas de divorcio onde se estipula que a custodia dos fillos corresponda a ambos os proxenitores. Aragón acaba de regular a aplicación deste tipo de custodia por defecto. Á zaga, séguenlle Valencia —cuxa regulación e entrada en vigor está prevista no verán— e Cataluña, que tamén prepara un cambio lexislativo neste sentido.
En Galicia e, máis en concreto, en Lugo, a Asociación Galega de Pais e Nais Separados sairá o sábado 30 de maio á rúa para pedir que dita reforma lexislativa tamén leve a cabo nesta comunidade. Lois Toirán, portavoz do colectivo, insiste en que este cambio se incorpore ao dereito civil galego, na creación dunha lei específica de custodia compartida e na inclusión deste suposto na Lei de Axuda á Familia que está a ser tramitada, na actualidade, no Parlamento. «Cada vez hai máis homes que solicitan a custodia compartida porque, ata o de agora, un 90 por cento das sentenzas de divorcio danlle a custodia á nai e resta un 5 por cento, que lla dan ó pai, e outro 5 por cento, que é compartida. Mentres tanto, en Europa a custodia compartida domina», explica Lois Toirán.
Este colectivo insiste na necesidade de que se reformen as leis para permitir a custodia compartida dado que, segundo os datos estatísticos que manexa esta asociación, máis da metade do total de matrimonios que se celebran sepáranse ao cabo dun ano. «Vén a haber entre 800 e 900 separacións anuais, aínda que este ano relaxouse a cifra pola crise», afirma.
Para este colectivo de pais e nais separados, «sistematicamente, estáselle a dar ás mulleres a custodia dos nenos, tras unha separación, e nós pedimos que haxa unha igualdade efectiva entre o papel da nai e do pai porque os dous son necesarios e insubstituíbles», considera Lois Toirán.
Outra das reivindicacións desta asociación é a creación dun xulgado de familia en Lugo. «Debe de ser a única capital de Galicia que non o ten e iso implica que tódalas sentenzas sexan iguais, unhas son copias das outras», afirma Toirán.
Este colectivo defende, por outra banda, unha campaña que se está levando a cabo desde a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. «Tratar dunha campaña de mediación interxudicial para poñer de acordo a ámbalas partes na custodia dúas fillos. Isto estase a facer nun trinta por cento xa dos casos», explica.
Para Toirán, a custodia compartida non ten por que ser ao 50 por cento. «Ten que adaptarse ós horarios e ás posibilidades da parella, facendo tarefas compartidas porque se rompe unha parella, pero non unha familia», conclúe.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Borraranse os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados.
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.










