Especial Letras Galegas '07

Software libre da terra, compartindo cultura


Etiquetas: software libre, Letras Galegas, lingua

17/05/2007 - Ana García (Santiago)

Compartir coñecemento e liberdade. Os dous mandamentos básicos da biblia do software libre, un dos campos máis dinámicos dentro do universo da informática e que dende hai anos, tamén fala galego. Sistemas como Linux, Wordpress ou OpenOffice comezan non só a ser coñecidos polo gran público senón que grazas a eles se poden realizar tarefas básicas na nosa lingua, con programas gratuítos que son desenvolvidos, mantidos e mellorados constantemente pola comunidade.

Dende os anos noventa, Galicia contribúe ó avance deste campo cheo de potencial traducindo proxectos xa existentes ou desenvolvendo outros novos, coa implicación desinteresada de centos de persoas. Ó falar dos inicios do software libre con acento da terra as opinións de usuarios e programadores son unánimes: hai que falar obrigatoriamente do Proxecto Trasno, que aínda hoxe segue a ser un referente básico nas labores de tradución. Na súa páxina xa o deixan claro: “os galegos deben ter na súa lingua unha das ferramentas máis importantes da actualidade”.

Primeiro mandamento: liberdade
Liberdade para empregar programas sen as limitacións das licenzas, pero tamén para escoller a lingua que queiras. “Applets”, “blinking”, “merge” ou “parser” son uns poucos dos múltiples termos entre os que se move o software libre, marcado polo dominio lingüístico da cultura anglosaxoa.

A aparición constante de comunidades adicadas ó software libre reafirma a vontade de dotar ó galego de armas para loitar nun futuro cada vez máis tecnoloxizado e difícil para as linguas minorizadas. “A través de todo o proceso de tradución estase a crear un vocabulario novo para o idioma, marcado polos elementos técnicos. Senón estariamos sometidos ó inglés”, explica Jesús Arribi, coordinador técnico do proxecto Mancomún.

Esta iniciativa, que parte da Consellería de Innovación e Industria, acaba de cumprir o seu primeiro ano en funcionamento con máis de 70 programas traducidos e con iniciativas como Entrans (que permite unha tradución online máis sinxela) ou a coñecida como A Forxa, para potenciar a colaboración vía Internet.

Ignacio Casal, coordinador da tradución de Gnome no Proxecto Trasno, afirma que este traballo de adaptación “posibilita que unha persoa que fale sempre galego non teña que empregar unha lingua que non é a súa lingua nai. Ten a liberdade de elixir”.

Segundo mandamento: compartir coñecemento
O software libre ten na colaboración voluntaria a súa maior forza, con centos de persoas que de xeito desinteresado, ocupan parte do seu tempo en adaptar programas ó galego ou axudar a outros usuarios a resolver as súas dúbidas. A motivación dos voluntarios, mozos informáticos na súa maioría, mestura o afán de compartir coñecementos co interese por potenciar a existencia de programas na lingua propia dos usuarios.

¿Non dicían que os galegos eramos individualistas?”, afirma Roberto Brenlla, fundador de AGNIX (Asociación de Usuarios de GNIX, unha distribución Linux), “a multiplicación de agrupacións nos últimos dez anos reflicte a forza do movemento”.

Esta colaboración desenvólvese exclusivamente pola Rede, o que depara tamén algunhas sorpresas, como explica o director do proxecto Trisquel, Rubén Rodríguez: “Tivemos moita demanda dende os países sudamericanos, sobre todo México, debido probablemente á emigración ourensá o que tamén amosa o interese dos fillos da emigración”. Trisquel leva tres anos potenciando un sistema operativo completo en galego, baseado en GNU/Linux, e 100% libre.

Unha ducia de asociacións adícanse a esta labor en Galicia, o que ás veces fai que as súas actuacións sexan dispersas. “Sería bo apostar por unha unión ou federación, algo que nos dea peso a nivel nacional, sen perder a identidade de cada grupo, pero sabemos que é complicado”, explica Denís Fernández, vicepresidente do GLUG (Grupo de Usuarios de Linux de Galicia).

Empresa e educación:
os novos desafíos
A pesares de todo o conseguido e da forza do movemento asociativo, a frase máis repetida no mundo do software libre en galego é “que aínda queda moito por facer”. Por exemplo, conseguir que aumente o número de tradutores voluntarios que poidan axudar a axilizar a labor de transvase cara o galego.

Pero un dos obxectivos máis ambiciosos é o de empregar o software libre para que o galego chegue a novos ámbitos como o da empresa ou a ciencia, nos que estivo tradicionalmente excluído. Rubén Rodríguez explica que nas orixes de Trisquel “tiñamos pensado unha distribución para o estudo, no que estamos traballando agora, que pode ser unha importante vía de galeguización”.

E se as escolas son a base, o mundo da empresa amósase como un ámbito imprescindible para a expansión económica. “Os proxectos futuros xiran arredor da tradución de software de contabilidade, xestión, facturación...porque se non hai programas na nosa lingua, as empresas non teñen nin sequera a oportunidade de elixir” explica Jesús Arribi.

Tanto a administración como os usuarios son conscientes das dificultades ás que se enfronta o galego no século XXI pero tamén amosan o seu convencemento de que é un idioma que pode atopar o seu camiño a través das novas tecnoloxías. “Traducir programas ó galego é unha tarefa ardua, pero grazas a isto podemos manter a loita pola nosa lingua e a nosa cultura. Aí é onde está o noso legado”, conclúe Ignacio Casal.


MOVEMENTO ASOCIATIVO

  • AGNIX: Asociación de usuarios de GNIX. Desenvolven o CD-Vivo denominado 'GNIX-Vivo' e posúen unha sección de novas sempre ó día.
  • AULUSC: Asociación de usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela. Unha das súas metas é servir como ponte entre o mundo empresarial e o mundo académico.
  • GALITE: Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía de Foz. Organizan o PartyFoz, para dar a coñecer esta tecnoloxía na comarca.
  • GALPON: Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra. Potencian as xornadas para dar a coñecer o software libre e tamén a reciclaxe de equipos informáticos.
  • GLUG: Grupo de Usuarios de Linux de Galicia. Están a desenvolver un concurso de programación libre.
  • GPUL: Grupo de Programadores y Usuarios de Linux. Os seus proxectos actuais diríxense sobre todo á comunidade universitaria, a través de manuais.
  • GULO:Grupo de Usuarios de Linux de Ourense. Destacan por procurar achegar o sistema operativo GNU/Linux ó colectivo universitario.
  • INESTABLE: Grupo de Usuarios de Linux de Ordes. Ofrecen documentación ós usuarios e realizan numerosas conferencias ó longo do ano.
  • LUCUX: Asociación de usuarios de Software Libre de Lugo. Están a desenvolver unha rede wireless de filosofía aberta empregando o software libre.
  • OUSLI: Asociación de usuarios de Software Libre de Ourense. A organización de xornadas e conferencias son das súas principais actividades.

---------------

Imaxes: Oficina de Software Libre da UDC cedidas por Pablo Saavedra, oficina de Mancomún en Santiago de Compostela, cedidas por Jesús Arribi e fotografía de Denís Fernández, de Pepe Maneiro/AGN

 

4'2 (13 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html