A caverna

Imaxina unha especie de mundo cavernoso, subterráneo, caótico e desigual, provisto dunha longa entrada, cada vez menos aberta á luz. E uns homes e mulleres que están desde nenos na penumbra, sen memoria histórica, sen sentido crítico, desinformados e alienados, atados polas pernas e o pescozo, de xeito que teñen que estar quietos e ollar só cara a unha parede da caverna, na que ven e escoitan as imaxes e sons distorsionados dun televisor, pois as ligaduras impídenlles xirar a cabeza. Detrás deles, a luz tenue dun lume real, que arde lonxe e nun plano superior.

Están condenados a vivir nun mundo de aparencia e de engano, no que todo se abandonou á liberdade salvaxe do mercado capitalista e ao imperio da publicidade. Dedican as súas vidas á produción e ao consumo. Son cada ano que pasa máis dóciles e eficaces, mellores engranaxes do sistema construído só para incrementar as inxentes riquezas duns poucos. E, porén, din que todo está ben e aseguran que son felices.

-Que estraña escena describes, e que estraños prisioneiros!

-Iguais ca nós. Non tan estraños. Cóntanse por millóns nos tempos que corren. Non pensas que abundan os homes e as mulleres que ao viviren no fondo da caverna soamente ven as sombras proxectadas e soamente escoitan as mensaxes confusas e terxiversadas que lles ofrecen os medios, e aínda por riba cren por completo nelas?

-Que outra cousa van ver, ouvir e crer? Durante toda a súa vida foron obrigados a manter inmóbiles as súas cabezas. Ninguén os axudou a ter un sentido crítico nin unha formación democrática. Así toman por real o virtual, por información a desinformación, por verdade a manipulación, por importante os rexoubeos, por democracia unha oligarquía política e económica, e polas cousas auténticas as sombras delas.

-Examina que pasaría se algúns fosen liberados das súas cadeas, e se alguén tentase curalos da súa ignorancia e obrigalos a ollar a luz. Abofé que non serían capaces de ver e de entender a realidade global cavernaria na que están con toda a súa crueza. Doeríanlles os ollos, ao non estaren afeitos á luz, insultarían e agredirían os desacougantes liberadores, por aburridos ou tolos, e quizá fuxirían cara ao seu habitual e insconsciente estado anterior.

-Cumpriríalles aprendizaxe e que durante moitísimo tempo se afixesen a utilizar ben os ollos para ver as cousas. O que verían de maneira máis doada serían as sombras ás que están acostumados. E se cadra optarían por volver a elas, antes que pola claridade e por respirar aire puro.

-E se fosen obrigados a ascender para saíren da caverna e ver que existe a posibilidade fóra dun mundo novo, con raiolas de Sol, máis xusto, racional e sustentábel, e menos neoliberal, ao mellor quedarían cegos e apampados coa idea do cambio. Pensarían que foron enganados no pasado, ao lles diciren que só existía a realidade da caverna e que a historia chegara á súa fin.

-Mais co tempo haberían comprender a deficiencia do seu estado anterior e a miserábel condición dos antigos compañeiros de cadea produtiva. Non achas que se compadecerían deles e se considerarían felices por teren saído daquel sistema?

-Efectivamente.

Comentarios