Guillerme Vázquez a Feijóo: ''El BNG no va a avalar los recortes antisociales del Gobierno gallego''

"A demostración palpable de que [Alberto Núñez Feijóo] carece de diagnósticos, propostas e estratexias para enfrontar a crise". É a consideración que lle merece ao líder do BNG, Guillerme Vázquez, o discurso pronunciado polo presidente da Xunta este venres, a modo de balance do ano. O popular pediu "unión e esforzo" aos partidos políticos galegos e aos alcaldes do país para facerlle fronte á situación económica que atravesa, e lamentou a situación de "desasosego" que se vive en moitos fogares por culpa do desemprego.

As palabras pronunciadas por Feijóo son, a xuízo de Vázquez, parte dun discurso "pomposo e grandilocuente máis propio dun monarca ca dun xefe dun Executivo", e criticou as continuas apelacións do xefe do Goberno galego á austeridade en contraste co escenario no que foi gravada a súa mensaxe de Aninovo, no interior da Cidade da Cultura.

Reprochoulle tamén o "cinismo" de presentar o diálogo social como bandeira da Xunta que encabeza, lembrándolle que durante os doce meses do 2010 non faltaron as "mobilizacións masivas" contra "unha política antisocial e contraria á lingua galega. A xente tivo que saír ás rúas para defender a sanidade pública fronte á ameaza da privatización e para demandar a retirada do decretazo". Vázquez valora como positiva a mensaxe de alento que Feijóo fixo chegar aos fogares afectados polo paro, pero bota en falta "que se lle diga o que se vai facer para que Galiza non lidere, como liderou en novembro, a destrución de emprego no Estado español".

Á chamada á unidade feita polo xefe do Executivo galego, o voceiro nacionalista respostou cunha negativa: "O BNG non vai estar en ningunha acción para avalar os recortes antisociais do Goberno", díxolle a Feijóo, e reprochoulle que se esquecese no seu discurso da "dramática situación" na que se atopan os gandeiros galegos por mor do conflito lácteo e o "grave impacto" que representa para a economía do país o Decreto do Carbón.

Comentarios