''El contrato lácteo obligatorio será útil para los precios, pero no servirá de varita mágica''

Consciente de que a crise que afronta o lácteo mina as posibilidades de atopar no rural un negocio rendible, Álvarez Robledo aboga por traballar a prol da vertebración do sector para que os beneficios de produtores e industrias sexan equitativos. Aínda que tarde de máis, confía en que o uso obrigatorio dos contratos axude a conseguir este obxectivo.

Á súa chegada ao cargo, José Álvarez Robledo atopouse ás portas da Xunta con centos de tractores e gandeiros que reclamaban uns prezos xustos para o leite que venden. Un ano e medio despois, este lucense agarda ''ansioso'' pola posta en marcha do decreto que regulará a firma de contratos lácteos obrigatorios entre a industria e os produtores. Convencido da utilidade que terá esta ferramenta lexislativa para que ámbalas partes camiñen da man na procura dunha solución conxunta, advirte de que non servirá ''de variña máxica''.

Pregunta.
Se se cumpren os prazos anunciados polo ministerio, haberá un antes e un despois do un de xaneiro?

Resposta.
O decreto vai ser una panca sólida para España. Se finalmente ve a luz, dotaranos dun instrumento que lle ensinará á industria que é cos gandeiros, e non contra eles, como se consegue a estabilidade. Alégranos moito que o ministerio entendera que é imprescindible sacar esa normativa para sentar unhas bases de negociación.

P.
Confía na súa efectividade? 

R. Esperámolo como auga de maio, pero sabedores de que non hai milagres. Será unha ferramenta útil, aínda que non unha variña máxica. Non vai ocorrer que nun día, de repente, teñamos todo o leite contratado, con acordos ben feitos e a longo prazo. Esa é unha tarefa a conquistar para ser capaces de construir un prezo cara arriba.

P. A interprofesional está preto de acadar un consenso para fixar índices de referencia. Cre que durará?

R. Non se cambian os modos de operar en cinco minutos. Ter que negociar un prezo esixe un cambio de mentalidade no xeito comercial de proceder. É un tema de crear cultura. A partir da publicación do decreto, as partes aínda terán que desenvolver un labor educativo cara a elas mesmas.

P. Onde radica a mala relación entre as empresas e os gandeiros?

R. Aínda que se escenifiquen críticas na rúa, eu non quixera falar de mala relación. As acusacións á industria responden á situación actual. ''Págasme tarde, como queres e a distribución pode colocar o meu leite a un prezo ridículo, ata incluso regalalo''. Quen vai pagar as consecuencias? O produtor. En lugar de andar con pelexas, terían que impulsar escenarios comúns de competencia sa.

P.
O desacordo extrapólase á relación entre consellería e ministerio. A última visita de Elena Espinosa a Galicia como ministra deixou críticas.

R.
Creo que estivo pouco afortunada. Non estivo acertada cando nos acusou de retrasos no pago de axudas ó sector lácteo ou cárnico que establece o ministerio e que sí cumprimos. Eu, aí, teríalle respostado. Creo que non debeu entrar nunha cuestión tan minuciosa coma unha orde concreta, dun apoio específico para un sector puntual. O feito de atacar estes aspectos da xestión está moi por debaixo do que entendo que debe ser a representatividade dun ministerio.

P.
Foi a derradeira intervención de Espinosa sobre o lácteo. Aproveitouna para queimar un último cartucho?

R. É de supoñer que a decisión do cambio estaba tomada e que a xa ex ministra a coñecía. Dende logo, se sabía que era a última intervención, estando na súa terra e entre os seus veciños, aínda entendo menos a súa postura. Pero son cousas que descoñezo, non sei cal era o seu estado de ánimo naquel momento.

P.
A ministra saínte deixou o decreto no forno á súa sucesora...

R. Se eu estivese no seu pelexo non o faría así. O lóxico é que tivese tirado para adiante co borrador xusto cando a Comisión Europea deixou carta branca ós países para poder obrigar ao contrato lácteo. O decreto puido plantearse moito antes porque xa hai tempo que coñecemos as conclusións do grupo de expertos de alto nivel. A demora foi contraproducente para o sector.

P.
Nos últimos meses estalou a guerra en materia de competencias...

R. En ningún momento pretendemos entrar nunha guerra. Pero é obvio que a problemática do leite non se resolve se non é a nivel nacional. Onde se toman as decisións de Puleva, Nestlé ou Danone? Onde están os centros de consumo e onde se inspecciona a nosa produción? Non é en Galicia. Cando nos preguntan tentamos non botar patacas quentes a ninguén para non desinformar e crear fume. Facelo cunha cousa tan fráxil coma os produtores non viría a conto.

P. Que poderá aportar a Xunta á normativa trala súa aprobación?

R. Podemos incentivar os contratos homologados, chamar a atención cando a relación entre as partes non se axuste ó modelo asinado e convocar reunións cantas veces faga falta. Evidentemente, dende a comunidade podémolo facer moito mellor, non hai que pensar que non. A Administración pode ser catalizador e mediador se é preciso. Agora ben, é unha relación entre dúas partes na que o Goberno pode ser o fermento, pero sen meterse onde non debe.

P.
A norma axudará a frear o peche de explotacións en Galicia e a manter os postos de traballo no rural?

R. Albergo a esperanza que se progrese na vertebración do sector, aínda que non corren tempos para sinalar evidencias sólidas que animen a dicir que é un bo negocio.

Distribución
P. Os sindicatos levan tempo denunciando esa práctica desleal...

R. É obvio que ocorre. Unha grande cadea dá seis bricks se o usuario fai unha compra de 30 euros. Eso é case ruborizante e unha falla de educación comercial. O feito de que primeiras marcas teñan que verse a si mesmas regaladas demostra os desequilibrios que existen na cadea de valor do sector. Bota por terra o que foron construíndo.

P. E o papel da sociedade?

R. Temos que autochamarnos a atención nese aspecto. Hai que informar o suficiente ós consumidores para dicirlles o que hai detrás dun cartón de leite.

P. Avanzan as pesquisas do Tribunal de Defensa da Competencia sobre o reparto das rutas de recollida?

R.
Non temos información ó respecto. O sector non é galego e é de supoñer que o tema remate no servizo nacional de defensa da competencia. En toda caso, a Xunta non ten autoridade para artellar sancións.

Comentarios