El Progreso

Galiciae

A Real Academia Galega rende homenaxe a Álvaro Cunqueiro cun acto na súa terra natal


Etiquetas: Mondoñedo, Álvaro Cunqueiro, homenaxe

El Progreso (Mondoñedo).

A cidade mindoniense volveuse volcar onte co seu fillo máis ilustre, Álvaro Cunqueiro, e respondeu á chamada da Real Academia Galega da Lingua, que organizou un acto de homenaxe ó escritor ó coincidir no ano do centenario do seu nacemento ca súa data de ingreso na RAG, que tivo lugar tal día coma onte do ano 1963.

Foi un acto especial, no que non fallou nin o día, pois a pesares das temidas choivas luciu o sol animando máis se cabe a xornada, que comezou co recibimento dos académicos, encabezados polo seu presidente, Xosé Luis Méndez Ferrín, por parte das autoridades municipais, con quenes tiveron ocasión de departir antes do inicio do acto, na recepción oficial que tivo lugar no salón de plenos do Concello presidida polo alcalde, Orlando González Cruz.

Tralo acto, desprazáronse ata o auditorio municipal, «un edificio novo e magnífico», en palabras do presidente da RAG. onde varios dos seus académicos falaron das diferentes facetas de Cunqueiro, abarcando tódolos ámbitos da súa vida profesional e trazando un completísimo perfil da prolífica obra do mindoniense.

Así, Margarita Ledo falou da súa vertente como xornalista, con publicacións nos xornais da época, mentres que da análise da súa lingua encargouse Darío Xohán Cabana.

Pola súa banda, a súa obra foi desmenuzada polo miúdo polos académicos Euloxio Rodríguez Ruibal, que abordou a parte do Cunqueiro dramaturgo, e por Víctor Fernández Freixanes, que se encargou da súa faceta como novelista e escritor.

O público ateigou o auditorio, no que tan ben soou a escolanía Mestre Pacheco, que puxo o toque musical ao emotivo acto.

Unha mostra repasa toda a súa obra

O acto de onte non é un máis dos que adoita facer a Real Academia da Lingua Galega fóra da súa sé coruñesa cumprindo coa súa vocación externalizadora, senón que foi un hito especial por coincidir dúas efemérides sobre Cunqueiro. O centenario do escritor convertiu tamén a Mondoñedo en escenario dunha mostra na que se repasa a obra bibliográfica e xornalista de Cunqueiro.

Tamaño real

‘No niño novo do vento’ é o título da mostra, na que se recrea o estudo de Cunqueiro con figuras a tamaño real do Mago Merlín e de Felipe de Amancia, personaxes da obra ‘Merlín e Familia’. A exposición inclúe tamén a proxección de distintos documentais sobre o autor, entrevistas e gravacións sobre montaxes de obras teatrais, ademáis de puntos interactivos con información.

22/04/2011