Pitonisas

A NOITE enche as pantallas dos televisores de botadoras de cartas, lectoras de bolas de cristal, expertas en runas, zodíacos e demais artes polas que, seica, se pode coñecer o futuro. Fagan ‘zapping’ e veranas aparecer, sacerdotisas da verborrea, a pronunciar os seus oráculos. E falo en feminino porque son na súa maioría mulleres. Mais tamén hai homes a ler, coma elas, o futuro no invisíbel libro dos arcanos. Ao outro lado do teléfono, voces máis ou menos angustiadas, agardan o veredicto, case sempre verbo das tres cousas que máis preocupan á humanidade: saúde, diñeiro, que nestes tempos de paro se chama traballo, e amor. Mentres, o contador do número de pago marcará, inexorábel, o prezo da consulta. Os vates procurarán que esta non sexa breve para que suba a caixa.

Todos precisamos algo ao que nos aferrar. A falta de crenzas e filosofías de vida é terreo aboado para os incautos que coidan solucionar así os seus problemas. Ás veces atinaranlles por pura casualidade, mais na maioría das ocasións reclamarían o cumprimento dos vaticinios se iso non implicase volver pagar a quen os enganou. Porque diso se trata, coido eu desde o meu escepticismo absoluto. Por iso non entendo que estas prácticas non estean sometidas a algún tipo de regulamento. Os ingresos das canles televisivas non deberían xustificar o que é sen dúbida un calote.

Hai entre estes ‘profesionais’ bastantes que proceden cunha certa prudencia; mais tamén hai algúns desaprehensivos que sementan dúbidas ou mesmo promoven desavinzas familiares atribuíndolles aos parentes, sobre todo políticos, influencias maléficas.

Quéixanse, ás veces, algúns destes personaxes, de intrusión e alegan pola súa parte títulos obtidos case sempre en universidades ou institutos estranxeiros. Que eu saiba, aquí non existe un organismo que homologue os tales títulos ou que outorgue licencias para a súa actividade. Móvense, se non no terreo da ilegalidade, no da alegalidade. Non debe ser doado poñerlle cancelas a un espazo tan difuso, mais sacalo da televisión non só sería posíbel, senón conveniente porque, xa se sabe, esta é o certificado de autenticidade para moita xente.

Sería fácil atribuírlles ás clases populares menos ilustradas o uso destes servizos. Pode que si, que sexan elas as maiores consumidoras na modalidade telefónica; pero é sabido que hai políticos, artistas e empresarios que acoden aos gabinetes de meigas e adiviños con asiduidade.

Hai poucos días o escritor Luís Racionero, enxeñeiro e economista, declaraba no programa cultural Nostromo da TVE a súa afección ao Tarot. Mágoa que unha chamada telefónica non me deixase escoitar a argumentación en que o relacionaba coa física cuántica. Seguramente, dado o meu descoñecemento desta materia, non tería entendido nada aínda que lle tivese prestado atención. Porén, moito me parece que primeiro foi a crenza e despois a teoría para xustificar algo irracional.

Comentarios