''A poesía de Lois Pereiro é propia dun espírito rebelde que decidiu militar na súa lingua''

aelg_col1.jpg
photo_camera aelg_col1.jpg

O Salón Teatro de Santiago acolle hoxe ás 21.00 horas a posta en escena de Mundo Lois, un espectáculo ideado por Antón Reixa que pretende poñer en valor e difundir a obra do poeta Lois Pereiro. Lino Braxe dirixe, adapta e interpreta, xunto á actriz Antela Cid, esta función única dentro da programación deseñada polo CDG.

A secretaria xeral da AELG fálanos do Pereiro “culto e plurilingüe” que se converteu nun poeta universal escribindo en galego.

Pregunta: Que achega a escolla de Lois Pereiro como autor homenaxeado o Día das Letras Galegas?
Resposta: A lectura da obra literaria –poética e narrativa– de Lois Pereiro é un aire fresco para as letras galegas na medida en que estamos a falar dun autor contemporáneo, que apenas hai quince anos que iniciou a viaxe derradeira, e que, consecuentemente, nos legou unha obra moderna e perfectamente recoñecible para os lectores e lectoras de hoxe.

P: Que destacaría na obra poética do escritor lucense?
R: As persoas que entren a ler a poética pereiriana van descubrir unha obra moderna, urbana, traballada insistentemente desde a personalidade dun escritor en esencia, profundamente vocacional; unha poesía transgresora, propia dun espírito rebelde, dun poeta culto e plurilingüe, aberto ao mundo que, precisamente por iso, decidiu militar na súa lingua propia, converténdose nun poeta universal. Unha coherencia que, probablemente, o converteu nun poeta admirado, cuxos libros chegaban a esgotarse con rapidez, de presenza agardada e aplaudida nos recitais en que participaba.

P: E na obra narrativa?
R: A súa prosa, narrativa e ensaística sorprende, igualmente, por ser unha entrega humana, vivencial, profundamente reflexiva. Nela coñecemos o perfil humano máis íntimo, sempre de parte da beleza e defensor da xustiza social.


P: Como definiría a voz poética de Lois Pereiro?
R: Profundamente humana, marcada pola biografía da dor e da enfermidade do seu autor. É, para min, o gran poeta do enfrontamento entre Eros e Tánatos, o amor reparador fronte ao axexo permanente da morte, cara á vida, contra a morte, como expresan os seus propios versos.

Comentarios