Caixas, sociedade e territorio

AS CAIXAS DE AFORROS tiveron tradicionalmente un papel importante na sociedade e o territorio no que estaban situadas. A súa función natural foi captar o aforro nun mercado xeográfico, que inicialmente podía estar reducido a unha escala local ou provincial, para dar crédito a familias e pequenas empresas e utilizar os beneficios obtidos para a súa obra social e para a formación de reservas que aumentaran os seus recursos financeiros propios.

Esta actuación tradicional ten cambiado nas últimas décadas mediante a integración e fusión de varias das antigas entidades nunhas poucas ata chegar a só dúas en Galicia e a unha única nos últimos meses. Outro cambio importante foi tamén a autorización para actuar fóra do seu territorio tradicional, que se por unha banda permitiulles ampliar as súas actividades e o volume do seu negocio, por outra foi causa de parte dos seus problemas actuais e sobre todo axudou a diluír as relacións co seu territorio orixinal.

Aínda que as caixas de aforro en España tiñan uns principios e normativa similares, houbo notables diferenzas tanto nas súas actuacións e nos seus resultados, como na obra social que desenvolveron. Á beira de entidades ben xestionadas e comprometidas coa sociedade e o seu territorio, tanto na aplicación do crédito como nas actividades desenvolvidas na obra social, pódense sinalar tamén actuacións financeiras deficientes e aplicacións dos seus resultados en discutibles obras sociais.

Nun tempo de posibles cambios nas caixas debera traballarse a prol dun acordo para apoiar o mantemento dunha caixa galega e establecer as accións que permitan achegar capital sen perder a súa autonomía financeira. Pero debe ser a cambio de manter actualizadas as súas funcións tradicionais coa sociedade e o territorio, que quedaran bastante diluídas nos últimos tempos.

As bases para reclamar un apoio especial para as caixas están nas súas funcións tradicionais. No territorio, cando prestan uns servizos onde non chegan ou apenas están presentes os bancos como é en boa parte das zonas rurais. Tamén no destino do crédito ás nosas familias e empresas, cubrindo unha función social, que estivo en parte desatendida nas últimas décadas. Sempre me chamou a atención a escasa participación financeira das caixas nun dos nosos sectores estratéxicos como son as industrias lácteas e a súa falta de participación na solución da crise dalgunhas das nosas industrias, ben ao contrario do papel activo que no seu momento tivo Cajastur na superación dos problemas existentes na principal industria láctea asturiana. Así mesmo tamén habería que reorientar parte das actuacións incluídas dentro da obra social cara a actividades que axuden a superar algúns dos nosos problemas actuais no apoio a emprendedores, aos mozos e á innovación.

Comentarios