El Progreso

Galiciae

«O ambiente de derroche do ‘tigre celta’ era demasiado»


Etiquetas: María Golpe Varela, Irlanda, lucenses sin fronteras

Mar M. Louzao/El Progreso (Lugo).

A María golpe esta década que leva en Irlanda deulle para moito, mesmo para vivir noutros países e explorar outras profesións. Chegou á illa esmeralda no 2001 con dúas amigas, recén rematado Xornalismo en Santiago e coa idea de botar uns meses para mellorar o inglés. Pero as cousas foron saíndo «e funme quedando», di dende Gorey, unha pequena vila do condado irlandés de Wexford, ao sur de Dublín.

María adícase desde o 2006 ás relacións públicas, pero antes diso traballou varios anos de axudante en excavacións arquelóxicas, o que lle permitiu percorrer o país e coñecer a súa parella, Mark, arqueólogo e gran afeccionado ao esquí, o que os levou a pasar unha tempada no Canadá. Nesta longa estadía irlandesa tamén fixo un alto para desenvolver en Cuba unha investigación sobre a emigración galega na illa caribeña.

Cando chegou a Gorey, María pensou que a vida nunha pequena vila irlandesa ía ser apagada, «pero sempre hai ambientiño, sempre hai alguén para acompañarte cunha pinta», di. Coma ela, hai moitos estranxeiros que viven nesa área e sempre foron ben recibidos polos locais, que son «xente agarimosa». Como exemplo, sinala que na época de maior esplendor da economía irlandesa, cando se enchían páxinas de xornais analizando o milagre dese país, ao que se bautizou como ‘o tigre celta’, chegaron a a entrar «200.000 estranxeiros en dous anos e non houbo ningunha reacción negativa».

María cre que o pinchazo da burbulla económica «dentro do que cabe fíxolles ben e algúns irlandeses pénsano así. A época do ‘tigre celta’ era demasiado, calquera tiña casas por todas partes, coches novos e caros... Había un ambiente de derroche e ostentación e perdeuse a visión do que se trata nesta vida, a relación coas persoas e non só os cartos. Volveron pousar os pés na terra», relata.

Hoxe en día, é o paro o que ocupa as páxinas dos medios de comunicación, sobre todo «porque foi rápido, pasouse da nada ao 14% en menos de dous anos». Ante este panorama, «hai moita xente nova que marcha a Australia ou América, sobre todo xente que sae da facultade e non ten experiencia, porque a mobilidade laboral non é a de hai dous anos», conta. Porén, María non ten a sensación de que nese contexto de crise se perderan dereitos dos traballadores.

María chegou a Irlanda coa intención de aprender inglés, pero aínda así esperaba atopar a outra lingua oficial, o irlandés, nunha situación de maior fortaleza. «Hai zonas específicas nas que se fala, pero no resto considérano un segundo idioma, porque na casa non o oen», explica.

Esta lingua estúdase no colexio e hai escolas primarias onde se escolarizan os nenos en irlandés, que se puxeron de moda no 2000. «Quizais esas xeracións falarano cando medren», di. Ademais, unha canle pública emite en gaélico.

O sistema educativo é moi característico en Irlanda. «As escolas, aínda que son públicas e é o Estado o que lle paga aos profesores, están dirixidas por patróns, que poden ser a igrexa católica ou a igrexa de Irlanda». Neste contexto, naceu hai varias décadas o movemento ‘Educate together’, para ofrecer educación primaria que non tivera carácter relixioso. Esta mesma iniciativa tenta agora extender o modelo á educación secundaria. Ademais, existen as ‘community schools’, onde se mesturan nenos de diferentes orixes e relixións.

Nos colexios confesionais, as características relixiosas contan para establecer a prioridade de acceso. Se o neno non está bautizado, por exemplo, non terá prioridade nunha católica. Esta distribución chegou a causar problemas en Dublín, en zonas con gran aumento da poboación onde non había prazas dabondo e «moitos nenos que non tiñan ningunha desas relixións quedaron en terra de ninguén». Por casos coma estes, entre outros, o novo goberno intenta reformar o sistema educativo de patronaxe.

No aspecto turístico, María recomenda a costa oeste da illa, as illas de Aran ou Irisbofin-un dos sitios onde aínda se fala irlandés- porque «parécese máis á imaxe típica que temos de Irlanda». Conta que cando os seus pais a foron visitar, fíxolle notar ao seu pai que na illa non hai ningún eucalipto. «Así debía ser Galicia hai 50 anos», reflexinou seu pai.

Servizos
A consulta do médico custa 50 euros
María considera que Irlanda, aínda a pesar da crise, ten un bo grao de cobertura social, salvo no que respecta á sanidade. «Hai unha mestura de público e privado, o que lle chaman sistemas de dous niveis. Se vas ao médico de atención primaria tes que pagar, salvo se estás xubilado ou tes moi poucos recursos», e cada consulta son cincoenta euros, di. Cando o médico deriva ao paciente ao especialista, este pode ir á lista pública, máis longa, ou, pola vía privada, máis curta, se ten un seguro aparte.

Máis prestación de paro
Pola contra, as prestacións de desemprego son maiores e valóranse en función dun sistema de puntos. Cando a axuda en función do cotizado remata, pásase a outra liña, pero séguese cobrando máis ou menos o mesmo. «De xeito que podes pasar anos no paro se non che interesan as ofertas que che aparecen», explica María.

Hai axudas mensuais por fillo e un amplo sistema de vivenda social, que consiste en vivendas depedentes da administración co aluguer subvencionado en función das necesidades. Para os que poden pensar en comprar, a idea de ter unha vivenda propia «obsesiónaos tanto como a nós», di María, que tamén atopa semellanza na preocupación pola terra. O agro irlandés parécese paisaxisticamente ao galego, pero María cre que hai «moitas máis granxas en funcionamento» e, por exemplo, a produción e o consumo é máis local. «En cada condado podes atopar leite desa zona», aclara.

Pouco peixe
A María chamoulle a atención que a gastronomía irlandesa apenas contempla o peixe, a pesar de ser unha illa. Porén, empeza a estar máis de moda, o mesmo que a recuperación da cociña tradicional irlandesa, con bos platos de tenreira ou cordeiro. De igual xeito, empeza a haber restauración baseada nesta gastronomía, xa que os restaurantes son algo recente e ata hai pouco estaban centrados principalmente en comida estranxeira.

Desde Irlanda
Superficie: 70.273 km²
Poboación: 4.470.700 hab.
Densidade: 63.4 hab/km²
Renta per cápita: 43.143 $.
Forma de gobierno: República.
Presidenta: Mary McAleese.
Lugo-Dublín: 1.154 km.

Contacta:
¿Conoces a algún lucense que resida fuera de España? Escribe a local@elprogreso.es

15/05/2011