Non pode gañar a indiferencia

Cómpre indignarse contra a ditadura dos mercados. Hai que erguer a voz contra a economía que escapa do control político. Hai que enfadarse civilizadamente contra os dogmas de fe da mentira.

A mocidade, nova clase de pobres, xeración perdida, carne de inmigración ten que levantarse contra a deriva económica dos estados ricos, entre eles o noso, que lles nega o pan e o sal, é dicir, o traballo e o futuro, condenando a tantos rapaces titulados a un presente frustrante. Nalgún momento teremos que parar a pensar que unha mocidade sen futuro significa unha Galicia sen mocidade.

É indignante a ditadura actual dunha economía que escapa a todo control democrático, que usa a globalización como finca de caza particular, que en tempos de bonanza abomina do control do Estado e cando veñen mal dadas chuchan como sambesugas dos seus tetos. É indignante a ditadura dos grandes grupos mediáticos ao servizo dos máis fortes, que están a vender cada día como dogmas de fe, medidas económicas discutibles. Podemos imaxinar o pantagruélico negocio que hai detrás da privatización das pensións? Sería máis barata e funcionaría mellor, ofrecendo servizos para todos, unha sanidade totalmente privada? Se non houbera educación pública, quen termaría dos que non poden pagar un centro privado? Sería máis segura unha sociedade con gardas privados?

Á mocidade actual tocoulle vivir no peor dos escenarios posibles. Ten pouco futuro pero, adurmiñada por anos de benestar, polo ruído, polo alcohol, polos cartos, polo algodón de tantos dereitos, semella incapaz de cambiar o curso da Historia, xusto nun momento de crise no que urxe cambiar a Historia.

A sociedade ten que dicir basta. Non é admisible que a principios do século XXI se nos diga que non hai cartos para manter o actual estado do benestar. Acaso non recordamos que a actual Seguridade Social foi posible na España da miseria e da ditadura? Acaso non queda memoria de que o actual Estado do Benesar xestouse sobre a cinza aínda quente da II Guerra Mundial, nunha Europa devastada e famenta? Como é posible aceptar a ditadura da nova Thatcher, Angela Merkel, que tenta convencernos de que agora, unha Europa incriblemente máis rica, non pode soportar o actual Estado do benestar?

Están a gañar a batalla. O futuro que ofrecemos á mocidade é o do consumo, o do carpe diem, o dos opios que adurmiñan, o individualismo feroz, a carón doutras mocidades veciñas que no norte de África están a cambiar os seus países. Unha sementeira masiva de medos paraliza, silencia os berros, acala as protestas. Están a gañar expulsando a mocidade da militancia política. Instaurando o credo do sálvese quen poida, o dogma paralizante da indiferencia.

Como é posible aceptar que unha Europa incriblemente máis rica non poida co Estado do benestar?

Comentarios