MIRA LUGO / Venres

Bela vista


Etiquetas: Mira Lugo, Xosé M. González

10/04/2008 - Xosé M. González

 

 

Domingo pasado, da man de Xosé Anxo Carreira, a xornalista Susana Rodríguez proxectaba neste xornal centenario unha ollada crítica sobre a cidade. Luz e sombra era anunciada, con fotográfica evidencia: lucindo aquela en rehabilitación do mellor patrimonio, posta en valor do ambiente e medida proporcionada; había escuridade no maltratado Miño, contorno da Muralla e, sen retórica, nalgunha barreira de bloques edificados que nin deixan ver nin que se vexa.

 Para quen contemple as traseiras de Sanxillao e panorámica sobre as Fontiñas desde Castelo, se estima a paisaxe urbana debe resultar especialmente preocupante o que pasa nas Costas do Parque Rosalía. Para min, que aínda contemplei a vaganta fluvial desde a Muralla, é causa de notable disgusto que, sen maior xestión nin intento, o goberno municipal de Lugo dea por feito que tamén alí se constrúe; que o aínda principal espazo aberto e público de lecer vai perder o maior atractivo, ese que lle deu lugar e significado ao seu primeiro nome, xustamente “Bella Vista”.

 Andan por aí, difundidas na rede e impresas en papel couché, preguntas moi serias en relación co proceso ao que me refiro; delas, elixo unha: por que ningún administrador reordenou urbanisticamente aquela parte da cidade, cando no 1995 o construtor perdeu os seus dereitos de edificación? Por que motivo, logo, os gobernos municipais sucesivos non eliminaron a ameaza que unha primeira e culpable decisión, no 1991, propiciara? Aqueles gabinetes tiñan cadanseu responsable, e ambos forman parte da corporación actual. O primeiro, á fin e ao cabo, gobernaba no 1991, pode aí estar a razón; a do segundo, el saberá.

 Auga pasada: pola inacción referida, no 2003 a presentación do PERI revalidou a opción de edificar, e os actuais gobernantes asumírona cunha alegría -no senso figurado de rapidez- que me ten case abraiado. Entra na cabeza que a vontade política de salvar vista e ladeiras sexa cero? Nada máis se debe esperar do goberno e concello na cidade de Lugo?

 A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía ten presentado un recurso contencioso-administrativo no que se impugna a aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización. Esixen, por outra banda, que a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia actúe, xa que no contorno afectado hai bens patrimoniais protexidos, e o mesmo parque ben podería selo. Esperan e eu tamén espero, xa que a grandiosa panorámica segue incólume e aínda pode ser preservada. Non sei se cómpre dicir para que.

 

0'0 (0 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>