Un novo deportivo

E agora que? ¿Con que vimbios vai afrontar Augusto César Lendoiro a longa travesía polo deserto? Asumido o mal trago toca entallarse nunha categoría diferente, nunha Segunda División que é maratoniana, con algún campos que semellan ratoeiras e con rivais que morden en cada partido, practicando un fútbol de pouco toque e de moito contacto físico. O Deportivo adéntrase nun escenario descoñecido; nunha división na que se non te amoldas acabas esnaquizado. Que llo pregunten a históricos como o Alavés, o Murcia, o Cádiz ou máis recentemente o Tenerife. Ex primeiras que fracasaron na división de prata do fútbol nacional e deben malvivir nunha Segunda B irracional.

Ascender nun ano é unha tarefa difícil. Apunten dúas excepcións no pasado máis recente: en 2005 o Celta de Fernando Vázquez e hai dous anos, o Zaragoza. Pero para ter opcións e non desfalecer nesta carreira de fondo é preciso construír un equipo competitivo, mentalizado no ascenso e no que deben mesturarse talento e traballo. A maxia de Valerón debe ir acompañada cun obreiro forxado en mil batallas, un tipo que morda o campo e recupere balóns sen descanso. Se non se atopa ese equilibrio entón será moi difícil ter éxito. Nesa planificación a primeira decisión de calado será atopar un substituto para Lotina.

Búscase adestrador con experiencia, que coñeza a categoría e que saiba manexar un vestiario que terá moitas caras novas. Tamén debería ter certo apego cos xogadores da canteira. Agora si, o traballo de Tito Ramallo e a fábrica de canteira de Abegondo teñen moito que dicir. Unha aposta que aforra cartos e que ademais fideliza a afección. Aí o club tamén debe ser agradecido e listo. Agradecido cun deportivismo que se entregou na cruzada da salvación e listo para evitar que dentro de cinco meses, ante o Alcorcón, Riazor sexa un estadio sen alma.

O dos cartos xa é outro asunto. Di o presidente Lendoiro que non haberá problema, que non quere oír falar da Lei Concursal. Veremos do persoal deste ano a quen solta como lastre, que cartos se gañan con estas vendas e a quen se ficha despois. Desde logo, con máis Javitos, Pepe Sands e Rindaroys… mal imos. Dixérame unha vez un adestrador que para baixar a Segunda hai que facer as cousas rematadamente mal. E para ascender, hai que facelas rematadamente ben. Toca esmerarse, non hai tempo que perder.

Comentarios