Rodríguez Barrio gaña o Cidade de Ourense con 'Calado testamento'


Etiquetas: Xavier Rodríguez Barrio, Lugo, premios e distincións, poesía

19/06/2011 - Marta Veiga / El Progreso (Lugo)

O lugués Xavier Rodríguez Barrio fíxose onte co premio internacional de poesía Cidade de Ourense grazas a un poemario que leva por título ‘Calado testamento’ e no que traballou durante case que quince anos. «Estou feliz, xa que esta foi a primeira vez que presentaba obra a este certame», comentou onte o escritor.

Rodríguez Barrio coñeceu onte mesmo o fallo do xurado, aberto aos autores galegos e da lusofonía —o ano pasado o vecedor foi o caboverdiano José Luís Tavares—, e que conta xa con 27 edicións celebradas. Este número fai do ourensán «o máis veterán de cantos premios de poesía se celebran en Galicia», incidiu o premiado.

A confección minuciosa de ‘Calado testamento’ válelle a Rodríguez Barrio unha recompensa económica de 6.000 euros e a publicación da obra na editora Espiral Maior. O autor lugués conta que nun par de meses o seu traballo estea listo para saír do prelo.

‘Calado testamento’ naceu, «con moita parsimonia», en 1995 ou 1996, uns anos despois de que Xavier Rodríguez Barrio recibise o premio Martín Códax por ‘Antiga claridade’ (Galaxia), que lle valeu tamén o premio da Crítica Española e ser finalista do Nacional de Poesía canda Agustín Goytisolo.

‘Antiga claridade’ é, ata o de agora’, o último poemario publicado por Rodríguez Barrio, quen en ‘Calado testamento’ persiste no seu costume de presentar poemas longos en versificación libre, nos que verquiu os seus esforzos sobre «o ritmo e a pulcritude lingüística». «Gústame forzar ao máximo as estruturas do idioma e gozo o proceso investigador da gramática e na procura de léxico, recuperado ou neoloxismos», apuntou.

No que respecta aos temas, o poeta de Lugo estruturou as súas «sereas reflexións sobre a experiencia do tempo» baixo tres epígrafes —‘En brazos da súa sombra’, ‘Tan inhóspita luz’ e ‘Ningún regreso’—, nos que xoga con sensacións contraditorias.

4'0 (7 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.




Fotos

Xavier Rodríguez Barrio (Foto: AELG)
Xavier Rodríguez Barrio (Foto: AELG)