OS ALCALDES DE LUGO / O Páramo

Gumersindo Rodríguez Liz: ''Queremos ofrecer no campo da feira novos servizos, como unha piscina e pisos sociais''


Etiquetas: Gumersindo Rodríguez Liz, O Páramo, entrevista, alcaldes

28/12/2009 - A. C. V. / El Progreso (O Páramo)

Alcalde dende o ano 1983, Gumersindo Rodríguez afirma que O Páramo vive un momento que marcará "un antes e un despois" na súa traxectoria, grazas á posta en marcha de novos servizos coma un edificio multiusos.

Información relacionada

O Páramo comezará o 2010 estreando un edificio polifuncional, sede tamén do consistorio. ¿Como influirá no futuro do concello?
O edificio resolve a vella aspiración de xuntar os servizos públicos no campo da feira e dar resposta ó desexo das distintas corporacións de potenciar a capital, O Páramo urbano. Xunto cunhas oficinas municipais axeitadas, terá biblioteca e sala de lectura, internet, zona de ocio e sala de estar, auditorio e aulas de formación en xeral.

O inmoble sitúase no emblemático campo da feira. ¿Que proxectos ten en mente para este espazo?
Este é o corazón do Páramo, desde onde mellor se sente o latexar dun pobo. Debemos seguir potenciándoo e o goberno ten intención de asentar novos servizos. Moi pronto poderase desfrutar dun parque biosaudable e tamén hai a intención de ofrecer piscina municipal e vivendas sociais. Quizais non pasen moitos anos sen asentar algún edificio máis, onde se incluiría un centro de día. Sen olvidar dotacións xa comezadas como o soterrado do tendido eléctrico, a iluminación, o templete...

¿En que fase está a investigación sobre danos nas árbores do campo da feira e outros bens municipais?
Temos datos estatísticos de como e cando se soen acometer estes ataques e imos seguir poñendo mecanismos de control para  salvagardar o que é de todos e poñer ó descuberto ó malfeitor/es.

¿A que obras destinarán os máis de 187.000 euros do plan E e os 151.500 do canon polo encoro?
Non están perfiladas as obras do plan E, pero as comunicacións entre parroquias absorberán a maior parte. É posible que no campo da feira tamén haxa investimentos. O canon reinvertirase nas parroquias afectadas polo embalse de Belesar, os pobos ribeireños do Miño, sobre todo en mantemento de pavimentación de vías e sinalización de barrios e parroquias.

Son o único concello da comarca que mantén aberto o vertedoiro de lixo. ¿Cando será clausurado?
Non tardará, posto que a eses residuos espéralles outro destino. Xa se realizaron contactos con Medio Ambiente para a súa clausura, porque non pode ser doutro xeito. Agora é cousa da Xunta.

Dende o punto de vista empresarial, ¿en que fase se atopa a construción dun polígono en Moscán?
Estase a clasificar no PXOM, que esperamos finalizar pronto, como solo urbanizable industrial de preto de 20 hectáreas. Para a súa posta en marcha existe un convenio firmado coa Deputación dende xuño de 2005. Hai terreos que teñen pactado o seu prezo de
compra e documentación entregada na Sociedade Urbanística desde finais do mandato do señor Cacharro, pero de momento a Deputación non moveu unha palla.

¿Como definiría a situación actual deste municipio rural?
Creo que se están a trazar as liñas que marcarán moi positivamente o seu futuro e serán un antes e un despois no Páramo. Ademais de todo o dito, está a posta en marcha dunha nova captación de auga no río, a longuísima rede de distribución que se ampliará máis no ano que entra —cerca do 75% dos domicilios están abastecidos con auga potable municipal— e máis a estación ferroviaria en Moscán.

¿Está preparado O Páramo para subir ó carro das novas tecnoloxías?
Estamos no camiño. Empezouse coa telefonía móbil e esperamos que no 2010 o salto se realice mellorando a cobertura de banda ancha e coa televisión dixital terreste, que ten un 98% de cobertura.

Nun concello con poucos servizos turísticos, ¿que se pode facer dende o goberno para incentivalos?
O concello ten moitos atractivos, está ben comunicado, a 20 quilómetros de Lugo, con ríos, muíños, presas e montaña. Trátase de potenciar estes atractivos, pero necesítase a colaboración imprescindible da iniciativa privada. A actuación da Administración local vai dirixida a potenciar e favorecer dita iniciativa, xa que non se pode facer todo con fondos públicos.

¿Ten previsto presentarse ás próximas eleccións municipais?
É prematuro falar das eleccións cando falta ano e medio, pero en todo caso é unha cuestión de partido e de grupo máis ca miña.

MOI PERSOAL
¿A que se adica cando non se atopa na casa consistorial?
Entre o Concello e a familia absórbenme todo o meu tempo.

¿Cales son as súas afeccións?
Non teño tempo. Non teño outras afeccións, en todo caso, un pouco de lectura. Tamén son un apaixonado das motos antigas, que intento restaurar.

¿É dos que utiliza habitualmente internet?
Non utilizo internet nunca. Sen embargo, dende o Concello preténdese potenciar as novas tecnoloxías e acercalas ós veciños, polo que no novo edificio de usos múltiples esperamos dispoñer dunha sala de internet.

¿Practica algún tipo de deporte?, ¿gústalle seguir o fútbol?
Non practico ningún deporte e tampouco me gustou nunca o fútbol. Non me di nada, aínda que agora gústame un pouco máis dende que temos o equipo local. No Páramo contamos cun campo de fútbol construído hai uns anos e un equipo de ‘primeira’. Tamén vexo o fútbol cando xoga a selección española.

¿Forma parte dalgunha asociación ou entidade?
Practicamente non estou en ningunha. Fun secretario da Asociación de Amigos do Campo da Feira e agora temos varias peñas de amigos nas que me gusta participar. A asociación do campo  da feira foi creada en setembro do 1976 e encárgase de todo o relativo ás Feiras e Festas de Primavera. O Concello o único que fai é prestarlle colaboración á asociación, nun ambiente de harmonía e entendemento que debe seguir sendo así.

1'5 (31 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



Fotos

Gumersindo Rodríguez Liz (Foto: Vila)
Gumersindo Rodríguez Liz (Foto: Vila)