Opinión

Un país desafinado

O NENO negro, co violín nas mans, chora na fotografía. Bágoas polo mestre de música morto. Ocorre desde hai décadas en Venezuela. O sistema nacional de orquestras infantís e xuvenís, creado por J.A. Abreu, arrincou miles de rapaces da intemperie da rúa. Apostaron pola música que debera ser, antes que o inglés, a segunda lingua obrigatoria nas escolas. É linguaxe universal que abre as portas á beleza, o lado máis social, máis humano. España é diferente. Mentres medran axudas a pintorescas federacións deportivas e hai manga ancha para os trampulleiros do fútbol, Ibermúsica, o ciclo sinfónico español, morre, e mobilízanse para salvalo orquestras e personalidades como Barenboim e Zubin Mehta. Todos menos o ministro de Educación e Cultura. Si, vai ter razón Juan Marsé cando di que «España es un país de cabreros». Quizais diso se trate, de crear un país de xente inculta onde un club de exquisitos monopoliza todo. Mentres o efémero edificio cultural colapsa e queda reducido a unha paisaxe de brutalidade e caspa que menospreza a cultura, que expulsa das nosas vidas o teatro, a danza, a música.

Desde a Loe ata a lamentable Lomce, a música pasou de troncal a optativa a pesar de que asociacións de docentes e profesionais rexeitan a súa perda de peso. Con horarios e contidos xibarizados é como unha sentencia de morte. «Hai asignaturas que distraen», di o ministro Wert, mentres aposta polas «útiles» ou as ideolóxicas, como a relixión. Non fai caso dos ditames do Consello do Estado nin do Consello Escolar do Estado que recomendan a obligatoriedade. Ata o Parlamento Europeo di que as competencias artísticas son básicas para o desenvolvemento integral dos alumnos.

Curiosamente, o Ministerio de Educación está ben pendente dos ditames dunha organización económica, a OCDE, responsable dos informes Pisa, que deixan fóra materias que contribúen á formación integral das persoas e nunca se preocupou por medir campos tan relevantes como as habilidades para o traballo en equipo, a empatía, a intelixencia emocional, a autonomía, a equidade, a cooperación. E a educación artística. A danza, o teatro, a música, as artes plásticas son as que máis favorecen a integración social e cultural nas escolas. E desenvolven a creatividade e a interacción entre as culturas.

A persoa é moito máis que atesourar intelixencia na caixa do cerebro. A música fainos mellores e iso é troncal na construción da persoa. Por iso hai tanta verdade, tanta música, tanto silencio nas bágoas dos nenos con violíns chorando a morte do mestre de música. Eses violíns deberán cotizar como valores en todas as bolsas do mundo. Aínda que o informe Pisa non evalúe a educación artística nas aulas. Aínda que a Lomce expulse a música dun país cada día máis desafinado.

Comentarios