Opinión

Non hai obra sen cemento

ATRÁENOS O feo. Xa sexa porque nos chama particularmente a atención ou porque cremos que non somos suficientemente bos para merecer algo bonito. E haberá quen diga que todo é cuestión de gustos nesta vida, pero hai cuestións que van máis alá de se un nariz grande resta atractivo ou outorga personalidade. E é que ultimamente non hai obra pública sen cemento. Esa mestura de pedra calcaria e arxila que arrasou en moitas aldeas e vilas de Galicia alá polos anos 90 e que agora parece que desperta do seu letargo. Ou quizais sempre estivo aí, camuflado baixo as ortigas e as silveiras. Non dubido do seu potencial constructivo, da súa durabilidade e vantaxes estructurais, pero si da súa estética. Porque usar cemento de xeito indiscriminado para recubrir airas de vargos, encher camiños, facer incómodos bancos para sentarse e incluso papeleiras (por certo, moi pouco funcionais como as colocadas recentemente no Paseo do Malecón de Sarria), non é bonito e debería estar penado por sentido do gusto errado.

Comentarios