Opinión

Oxalá regrese a decencia

ADMIRABLE Emilio Lledó, filósofo e ensaísta. De profesión educador, baluarte do ensino público. Nos seus escritos e libros aúna filosofía e literatura, a beleza da palabra e a fondura das ideas. Un faro de luz neste país sombrío onde a violencia ten raíces na ignorancia. Onde o rancor semella ser sinal de identidade nas relacións políticas.

É todo un agasallo a palabra, as reflexións, as respostas deste home sabio, vello de oitenta e sete anos, sereno profesor e académico, autor recoñecido, último premio Princesa de Asturias de Humanidades.

Para que serve a filosofía?, preguntamos a don Emilio Lledó. A filosofía serve para vivir, para enfrontar as reviravoltas da vida tan cargada de futuro e de esperanza, tan de verdade, epopeia individual e colectiva que afasta dos medos.

Lledó, sementador nos alumnos, nos lectores das poderosas armas tan humanas da curiosidade, da paixón. Da ética, da decencia. Por iso, co horizonte aínda cercano das eleccións, un anhelo: que volva a decencia, que o bisturí dos votos cidadáns rache coas mentiras, as falsidades, as malas políticas. Que a participación cidadá poña couto co voto aos prepotentes que envelenaron a acción política dos grandes partidos, tan necesarios. Con seguridade terán que resetearse, reinventarse e, nese proceso, purgar tanta suciedade. Hai 2.400 anos Aristóteles definía a política como ‘traballo para homes decentes’, para mulleres e homes decentes. Os votos deben servir para expulsar da vida pública aos políticos sucios, aos indecentes.

Reivindica Lledó a filosofía que ensina a vivir, que serve para interpretar a sociedade, que amobla con ideas os cerebros humanos, que compromete coa vida. E que precisa de curiosidade e da paixón dos máis novos. A desaparición da filosofía dos planes de estudo é un ataque frontal contra o mellor dos seres humanos, unha política desnortada contra o cerebro, contra as ideas, contra a política.

Neste país sobra ruído e faltan palabras. Sobran dogmas e falta dúbida razonable, sobran verdades absolutas e faltan filósofos que exclamen: «quedei desfalecido na procura da verdade». Os cerebros mellor amoblados son difíciles de manipular, os ignorantes son máis manipulables.

É imprescindible vivir pensando, cargar a mochila do cerebro coa beleza da palabra, coa paixón das ideas, coa ética que procure o regreso á decencia. Estraño país que berra tanto e que cada curso quita horas da asignatura que ensina a pensar. As humanidadeas ensinan o camiño máis humano, o do ben, o amor, a verdade, a xustiza, a beleza.

En épocas de pobreza nos ollos da xente brillaba a esperanza. Na viaxe da vida cómpre camiñar lixeiros de equipaxe. No país rico pero en crise, semella que só hai desesperanza. Para acender a luz nos ollos, oxalá regrese a decencia.

Comentarios