Opinión

Lei mordaza e creatividade

UNHA AXENCIA canadense, Rack & Pinion Creative, modificou os logos das redes sociais poñéndose no caso de que non houbese liberdade de expresión. Así podemos ver, por exemplo, como a cámara fotográfica de Instagram deviría en candeado, o logotipo de You Tube, que non é outra cousa que a icona de ‘reproducir’, convertido nun cero encarnado ou o peteiro do paxariño de Twitter atado cun cordel.

Sería hiperbólico recomendar o uso destes logotipos no Estado español agora que entrou en vigor a Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei mordaza. Sería hiperbólico, pero nalgúns casos bastante acaído porque, efectivamente, a liberdade de expresión xa non será a que era. A maioría do seu articulado non é pertinente e moito menos necesario. E non estou a falar da reforma do Código Civil da que si se salvarían bastantes cousas, mais non a totalidade.

Porén, eu quero, despois de manifestar o meu rexeitamento a esta lei, facer algunha consideración sobre a capacidade humana de burlar, para ben e para mal, a vixilancia dos poderes públicos.

Á memoria de quen isto le seguro que acoden películas de famosas evasións nas que sería difícil acreditar se non constatásemos que, moi a miúdo, a realidade supera a ficción. Hai uns días a prensa daba a noticia da espectacular fuga de dous asasinos dun cárcere de Nova York. A explicación máis plausíbel a tanto enxeño é a propia falta de liberdade, a necesidade imperiosa de buscar unha saída. O mesmo acontecerá naqueles campos en que a liberdade de expresión se vexa limitada.

E é que acontece como cando se tapona unha fonte, que a auga mergulla por outro lado. Serán, pois, glosando a Castelao, uns ditadores fracasados (o autor do ‘Sempre en Galiza’ falaba de imperialistas e referíase ao afán de rematar coa nosa lingua). Serán uns ditadores fracasados porque Franco xa non está e nós xa non somos quen eramos. Probado o saibo da liberdade, non nos serven sucedáneos.

Hai moitos anos lin un estudo no que se documentaba con abundantes datos que nos países que se dicían democráticos, poñamos por caso os Estados Unidos, a creatividade era moito menor que nos países da Europa do leste onde a liberdade de expresión estaba máis limitada. É posíbel que a percepción de vivir nun mundo igualitario estimulase a imaxinación moito menos que o desexo de procurar outros modelos.

O importante é, xa que logo, ter conciencia de opresión e sentir a necesidade de alzar a voz contra ela. O xeito de facelo hase semellar a aquel animal mítico, a hidra de Lerna, que chegou a ter mil cabezas porque, cando lle cortaban unha, saíanlle dúas no lugar da amputación.

Comentarios