Opinión

As poetas beat

A XERACIÓN do inconformismo, do rexeitamento dos valores estabelecidos, do sexo e as drogas e da liberdade tivo como nomes fundamentais os dos escritores William Burroughs, Allen Gingsberg e Jack Kerouac. Foron estes os protagonistas da Beat Generation, xurdida nos Estados Unidos na década dos corenta do pasado século. Herbert Huncke, Neal Cassady, Lawrence Ferlinghetti, Gary Synder e Gregory Corso foron tamén engadidos a unha nómina de escritores ‘beat’ cuxas luces -e sombras- nos seguen a fascinar hoxe en día. Se emprego o termo, marcado desde o punto de vista do xénero, ‘escritores’ é precisamente para remarcar a ausencia -mellor dito, a invisibilidade- de mulleres nesta emblemática xeración.

Nin a ausencia nin a invisibilidade deberan sorprendernos ás habitantes dunhas coordenadas culturais nas que nas que o silenciamento das mulleres leva sendo práctica corrente. Tampouco resulta difícil pensar na distancia existente, mesmo na sociedade estadounidense, entre os modelos da ‘beat generation’ e o comportamento que se agardaba dunha muller. A explicación a esta exclusión aparece formulada de maneira nidia na lapela dunha publicación recente cuxo de título xa de por si sorprendente: ‘Beat attitude. Antología de mujeres poetas de la generación beat’. Neste espazo reprodúcense a resposta que o poeta Gregory Corso deu, nunha conferencia de 1994, á pregunta de por que non houbera mulleres na súa xeración: «Houbo mulleres, estaban alí, eu coñecinas, as súas familias encarceráronas en manicomios, sometíanse a tratamento por electrochoque. Nos anos 50 se eras home podías ser un rebelde, pero se eras muller a túa familia encerrábate. Houbo casos, eu coñecinas. Algún día alguén escribirá sobre elas». O comentario, máis estarrecedor se cabe por se tratar do testemuño dun coetáneo, incide nunha identificación entre rebeldía e masculinidade da que tanto se leva nutrido a ficción e que tan vixente segue na actualidade.

‘Beat attitude’, de Annalisa Marí Pegrum, vén encher un espazo baleiro, máis aínda entre nós, ao achegar unha escolma de dez voces femininas: Denisse Levertov, Lenore Kandel, Elise Cowen, Diane di Prima, Hettie Jones, Joanne Kyger, Ruth Weiss, Janine Pommy Vega e Mary Norbert Körte. Datos como o suicidio de Elise Cowen e a censura que os pais exerceron sobre a súa obra, ou o escándalo que suscitaron os versos, cualificados de ‘obscenos’, dalgunhas escritoras ilustran, en breves notas biográficas, as palabras de Corso. As composicións antologadas en ‘Beat attitude’ sorprenden pola iconoclastia, a radicalidade e a dimensión crítica. Alén de restaurar unha memoria fragmentaria, ‘Beat attitude’ constitúe un magnífico exemplo das relacións entre xénero e recepción, ou, se se prefire, xénero e canon, perfectamente extrapolábel a outras literaturas, por exemplo á nosa.

Comentarios