Opinión

O neno famento do anuncio

A CONDENA bíblica: "Comerás o pan con suor". Di o himno revolucionario: "En pé os escravos sen pan". Porque o pan noso de cada día que alimenta cada día a miles de millóns de persoas, amasábase co traballo das mans, coa suor da fronte.

Ata que a comida, ese dereito humano, converteuse en inversión. Para as multinacionais, á esculca de novos negocios, o millo, o trigo, o arroz son negocio sempre en alza, como en alza están no planeta as bocas a alimentar. A auga e a comida son valores fundamentais para a familia humana pero para os especuladores son cousas con prezo. Que a comida teña prezos estables é mal negocio. Canto máis sobe, máis medran as gañancias. O sagrado dereito a beber auga, a comer pan transformouse en especulación financeira.

E o embigo desa especulación, que produce o cento por un para os que quitan a comida da boca de millóns de persoas, está na Bolsa de Chicago. Eses executivos que poñen prezo, que o multiplican e fan fluctuar non coñecen o peso, olor, cor, forma nin a textura destes cereais. Terían dificultades para distinguilos. Xamais os tiveron nas mans e o seu cultivo non enche de suor a súa fronte.

Os brazos, as sementes, as máquinas para cultivar estes alimentos non se parecen en nada ás pantallas onde os especuladores cultivan prezos, sementan números, colleitan millóns de dólares. Agora non é o suor da fronte quen marca o prezo do trigo: son as secas, son os especuladores, son os biocombustibles, "ese crime contra a Humanidade" di J. Ziegler, relator da Onu para o Dereito á Alimentación entre 2000 e 2008. Todo iso contribúe a baleirar o prato dos que comen, sobre todos dos que dedican o que gañan a comprar comida. E non chega. Porque entre 2005 e 2008 o prezo dos grans case que se duplicou con infinitas gañancias para os depredadores que controlan a Bolsa de Chicago. E medrou o número de famentos: un de cada seis habitantes. Titula o Washington Post: ‘A comida é o novo ouro’, un ouro non se come. Iso si, a fame é un negocio. A comida é un xigantesco negocio que acaparan poucas multinacionais: Cargill, McDonalds, Nabisco, Nestlé, Kraft, etc. Algunhas ata pecharon o círculo do negocio: compran millóns de hectáreas nos países máis pobres onde os habitantes pasan a ser xornaleiros. Para F. Kaufman, "banqueiros e especuladores sentan no cumio da cadea alimentaria: son os carnívoros do sistema, comen e devoran todo o que hai por debaixo".

O colonialismo non morreu a metade do século XX, está a florecer nas primeiras dácadas do século XXI. Por iso ofende a voz en off do anuncio: "Se ti non axudas, este neno morrerá nos próximos días. Chama ao teléfono...". Outra esmola benintencionada que pouco importa á poderosa maquinaria económica que tritura a carne humana do planeta.

Comentarios