No Centro Hípico Casas Novas, de Arteixo, unha nena de dez anos foi supostamente —o adverbio está ou non presente dependendo da fonte que se consulte— discriminada por falar galego. A situación, que motivou o abandono por parte da rapaza do campamento de verán ao que estaba a asistir, foi posta en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística, que denunciou o feito e convocou unha concentración de apoio á pequena. Ao parecer, as monitoras discriminaban en público o comportamento lingüístico da menor cunhas palabras tan tallantes como erradas. "Tu obligación es hablarme castellano". Son os datos que posúo. Descoñezo tanto o perfil da nena como o da súa familia. Pouco importa se era de procedencia rural ou urbana, se era neofalante ou se militaba na causa. A ramallada das circunstancias non debe impedir ver o bosque dos dereitos. Nada rebaixa ademais a gravidade do comportamento dunhas profesionais ás que lles encomendaron tarefas relacionadas co coidado e a formación.
De seguro que a algunhas persoas este conflito lles había recordar tempos nos que a represión dos usos públicos do galego era unha páxina máis do silabario. As anécdotas, coas súas correspondentes cicatrices, ateigan aínda hoxe a memoria colectiva. Como lle aconteceu ao Lolo de Rito da célebre composición de Manuel Rivas —"los pájaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo"— o pau do mestre "matou" os sons e os nomes herdados por moitas nenas e nenos de Galicia. O proceso está dabondo documentado, tanto desde o punto de vista da literatura como da sociolingüística. O sorprendente aquí é que semellante discriminación se producise en plena democracia , co galego estabelecido como lingua (co) oficial, e cuns hábitos adquiridos por unha sociedade compracida coa súa madurez.
Negar situacións de certa incomodidade para persoas que empregan o galego en determinados contextos —ocórreseme, botando man da estatística antes que da xeneralización, a consulta médica, a notaría ou a boutique— sería faltar á verdade. Nada que non fose tampouco descrito nin analizado. Nada que non se saiba. O trazo que diferenza o caso do club hípico é precisamente a verbalización. As monitoras cruzaron a liña vermella ao enunciaren con palabras un prexuízo agochado baixo o manto do políticamente correcto. A humillación da rapaza pola súa escolla lingüística non é máis que a crónica dun fracaso anunciado: o das políticas lingüísticas. O incidente, reducido por algúns sectores —entre os que figura o propio club— á anécdota, volve ademais do revés un argumento recente, tan artificioso como falso e destructivo. Refírome ao da imposición do galego, que, con independencia dos réditos electorais que leva dado, queda, con situacións como a de Casas Novas, convertido en caricatura.