Opinión

79 anos de inxustiza

TODOS OS ANOS a partires do 18 de xullo comeza o tráxico percorrido pola xeografía da memoria. Unha serie de actos espontáneos que na Galiza se intensifican ao longo do mes de agosto co fin de facer o que as administracións públicas non fan, aplicar unha sorte de xustiza cos represaliados e as súas familias. Camilo Díaz Baliño, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal son senlleiras figuras asasinadas entre os días 13 e 19 de agosto. Son exemplos coñecidos dunha gran masacre que dun ou doutro xeito afectou a miles de galegos que pulaban por unha sociedade plural, democrática e socialmente xusta. Datas arredor do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, un día institucionalizado pola Irmandade Galega en Bos Aires, en 1942, grazas a Castelao.

O 19 de agosto asasinaron a Ánxel Casal, o primeiro alcalde nacionalista de Santiago de Compostela que pese a súa xuventude (tiña 40 anos) destacaba pola súa inxente labor cultural dende a editorial Lar, con Leandro Carré Alvarellos, e a imprenta Nós, fundada na capital galega coa súa compañeira María Miramontes. Pero esa data pasará tamén á historia porque hai dez anos Darío Rivas recuperaba os restos doutro alcalde republicano asasinado polos golpistas, Severino Rivas, alcalde de Castro de Rei e asasinado o 29 de outubro do 1936 en Cortapezas (Portomarín).

Severino Rivas, pai de Darío, representaba un contrapoder ao caciquismo imperante e omnipresente durante anos naquel concello, berce do señor de Balmonte, o Pepe Benito de abondosa sona pola súa rede clientelar, capaz de amañar calquera resultado eleitoral. Do mesmo xeito que Severino, moitos cidadáns buscaban mellorar as súas condicións de vida por medio do activismo social e a participación política, no contexto de pluralidade democrática forxado ao longo do primeiro terzo do século XX e plasmado no período republicano a través da extensión de dereitos políticos, civís e sociais.

Como el, moitos cidadáns libres que na Galiza tentaron eliminar os privilexios dos caciques, que organizaran sindicatos e sociedades agrarias, escolas laicas e bibliotecas populares, que percorreran as parroquias do rural galego dando mitins pro-Estatuto de Autonomía; van ser branco da vontade aniquiladora dos golpistas de xullo do 36, desencadeando unha violencia selectiva propia da práctica xenocida, tipificada polos organismos internacionais.

Darío Rivas é un exemplo da non resignación ante unha situación dada, de non aceptación dunha versión oficial que levaba ao esquecemento. Primeiro, na busca dos restos do seu pai para darlle un enterramento digno na súa parroquia natal, Loentia. Despois, co inicio dunha causa perante a xustiza internacional denunciando os crimes perpetrados pola ditadura.

A súa loita e os obstáculos que tivo que sortear polo camiño simbolizan o que supuxo a Transición, como pacto de silencio entre elites do réxime e certos sectores da oposición que supuxo unha continuidade, unha mera reforma do Franquismo en troques dunha creba democrática que demandamos moitos e moitas. Como resultado, a Lei de Amnistía actúa como unha lei de punto final que non permitiu xulgar os responsábeis dos crimes da ditadura. Como pode ser que haxa que recorrer a tribunais arxentinos e ao dereito internacional, despois de case corenta anos de morrer o ditador, para reclamar xustiza e reparación polos crimes cometidos ao amparo dese réxime? Cada vez que intentamos modificar a lei Amnistía ou da amnesia volven a agromar argumentos zafios como os da reapertura de feridas.

Agardo que a querela chegue a bo porto aínda que recoñezo que é a peor das solucións a un problema que se debería arranxar aquí e a nivel político, entre outras cousas porque non comungo con xuíces estrela que intentan suplantar o poder

Comentarios