Opinión

Unha de corvos

DE VAQUEIROS xa terán visto algunhas, así que lles vou contar unha de corvos. O argumento talvez lles resulte coñecido porque, como profetizaba unha velliña que coñecín e morreu hai xa moitos anos, "este mundo aquí ha quedar na man de catro pillos". E abofé que quedou.

Desenvólvese nun concello do interior lugués que non chega aos 1.800 habitantes, cunha media de idade moi alta, en continuo declive polo tanto. Conta cunha residencia xeriátrica dunha coñecida fundación, con máis de cen prazas, na que, como é lóxico, os decesos son frecuentes, así que na vila hai dúas funerarias cos seus respectivos tanatorios. A residencia posúe tamén unha sala, mais nin está dada de alta, nin ten o sistema de refrixeración pertinente, cousa que se alega se quen a solicita é a empresa non desexada. Porén, a película é máis longa.

Desde a residencia ofrécenlles ás familias os servizos da funeraria amiga ou, co pretexto de non dar localizado os parentes, encoméndanlle xa de entrada uns servizos que estes pagarán a prezos abusivos. Foi o caso dun home ao que, sen incineración, lle cobraron os 24.000 euros que tiña na conta. O xulgado determinou, tras a denuncia correspondente, que o prezo xusto eran 2.500. Como é posíbel que os da funeraria soubesen o límite do que podían cobrar? Cui prodest, que din os xuristas: a quen beneficia?

Outro detalle que reflicte a delicadeza da dirección do xeriátrico e mais da funeraria en cuestión é que, cando algunha persoa residente é trasladada ao hospital, métenlle as pertenzas nunha bolsa da tal empresa de pompas fúnebres para que non haxa dúbida de a quen se teñen que dirixir.

Digna de mención é tamén a fotografía do antigo alcalde, a entregarlle a unha muller no seu centenario o ramo de flores co que previamente a agasallara quen agora ocupa tal posto. A residencia, evidentemente, "non quita nin pon rei, mais axuda ao seu señor".

Murmurios de lugares pequenos? Non, queixas que me chegan de persoas que, por un ou outro motivo, se sentiron prexudicadas. Elas son quen me piden que as faga públicas. Por iso as reflicto neste lugar que ben quixera para outros temas e denuncio os cacicatos que, como as pulgas, se fan fortes en reservorios. Corvos a axexar a morte para tiraren proveito dela, lonxe da lícita competencia leal.

Valerá de pouco porque teñen a pel dura. Xa o di a canción: "Este pandeiro que toco, por moito que repenique, non teñas medo que rache que é de coiro de cacique".

Comentarios