Opinión

Enzoufar unha institución xa desprestixiada

PALABRAS GROSAS duns e doutros marcaron os discursos da moción de censura da Deputación de Lugo, como se a pretensión fose amosar as miserias do rival máis cás virtudes propias, como se se buscase por finalidade última ferir ao contrario en vez de vangloriarse das capacidades dun. Así xurdiron a xeito de torrenteiras expresións como "bocas que hai que alimentar", "chupar todos do bote" ou "xestión discriminatoria e caciquil"; substantivos abruptos no contexto político como "comisionista", "obsesión", ou "destrución", e incluso preguntas directas que agachan dúbidas de comportamento como "cal foi o seu prezo?" ou "canto lle van pagar?". En fin, linguaxe bélica. Cada un xoga as súas bazas, pero entre todos enzoufan aínda máis a política e unha institución xa de por si desprestixiada, de democracia dobremente indirecta e que cada vez ten menos sentido na España das autonomías.

Comentarios