Opinión

De tendas

IR DE tendas, actividade que está a piques de chegar ao seu momento culminante do ano, é unha experiencia entretida, sempre que dispoñas de tempo e, ás veces, dunha tarxeta de crédito ben dotada. Iso si, sempre nos quedarán comercios e produtos por ver; na meirande parte das ocasións, porque non nos interesan, agás para algo moi concreto. Nunca nos fixaremos naquel negocio de persianas, ou naquel que ten recambios para todo tipo de cociñas, ou na tenda de colchóns que ten ao dono na porta, fumando, porque é dos que non precisa ter moitos compradores para facer unha boa caixa. Un establecemento interesante son as ferraxarías, que deben de ser o único negocio onde un céntimo vale para algo. As ferraxarías son un tipo de comercio posiblemente tan antigo como as tinturarías e lavandarías, que agora sofren a dura competencia dos autoservizos. Eses sitios onde te fas a colada ti só se distinguen dos de toda a vida nos traxes de noiva e comuñón, eses que enchen en soidade as tinturarías de sempre. Este luns vin un cartel nunha delas que convida a utilizar as tinturarías e reciclar a roupa. A Crise fixo que, nesta sociedade tan amiga de usar e tirar, volvera o vello costume de reutilizar a roupa. Para iso moitas veces abonda con achegarse a unha mercería, outro deses negocios onde podes atopar cousas impensables, comezando por fíos de cores que nin sabías que existían (sobre todo se es home).

Comentarios