Opinión

Festival de Bandas de Música en Compostela

ECHE UNHA MÁGOA que o lamazal da actualidade non permita salientar milagres que reivindican o mellor de nós mesmos. O fin de semana pasado, en Compostela, nun atestado Auditorio de Galicia tivemos o privilexio de asistir ao IX Certame Galego de Bandas de Música. De Galicia enteira. De Torroso, Oia, Padrón, Moaña e Arbo. De Barro, Ribadumia e Vilatuxe. De Outeiro de Rei, Rábade e Begonte. De Valga, Oleiros e Silleda.

Como dixo o presentador na entrega de premios e diplomas, habería que contabilizar a música no PIB do país. Mais os gobernos e os seus políticos continúan a expulsar a beleza, as artes, as humanidades e a música dos plans de estudo. Así de desnortados están. Así nos vai.

Xuntouse en Compostela xente con talento e con capacidade para o silencio, a admiración e a escoita. Varios miles de persoas no escenario e no patio de butacas. Porque a música que convocaba é indiscutible educadora de músicos e de espectadores.

As Bandas de Música son un milagre, froito de sacrificios económicos, millonarias de esforzos, de tempos, de ensaios. E se ocorre ao longo de tantas décadas, o milagre xa non é milagre: pertence ao noso ADN.

Este fin de semana a mellor música, a música culta convocounos a dous días de festa, de cultura, de reivindicacións. Con pezas de altísima entidade como Symphony nº 6 de A. Boysen ou Hannibal de M. Bürki, dous exemplos. As Bandas son protagonistas da mellor tradición galega e, cando acadan o nivel de excelencia exhibido no Auditorio, sentímonos orgullosos desas singulares mesturas de profesionais e rapazas, de profesoras e nenos, de alumnos de Escolas de Música e Conservatorios tocando xuntos, condensando nunha curta actuación meses, días, moitas horas de estudo, de ensaios, de esforzos, de familias pendentes de horarios imposibles. E de cartos.

As Bandas son propiedade dos pobos. Vencelladas á terra afunden as raíces na vida. Forman parte da identidade galega. Son as maiores e mellores embaixadoras da marca de calidade dos pobos.

Se o goberno, se deputacións e concellos se decataran desa riqueza apoiarían máis, moitísimo máis as súas, as nosas Bandas de Música. Son o mellor que teñen e temos na casa. Nelas reúnese o patrimonio humano desas vilas, riqueza tecida en cada ensaio, en cada actuación dos valores máis necesarios: a responsabilidade, a técnica, a disciplina, o traballo en equipo.

O IX Certame de Bandas de Música de Galicia foi só iso, o punto final, a constatación do alto prezo pagado polo éxito, polos aplausos, polo traballo ben feito. O prezo pagou a pena. Non faltou un elemento imprescindible: a presenza masiva de público. Eles, todos fomos testemuñas de que a vida é máis fermosa e feliz, máis culta e plena a carón da beleza que soa, a das nosas Bandas de Música.

Comentarios