Opinión

¿Queda o Paraíso lonxe do centro?

DAS AFORAS seguro que si. Pero tampouco no centro vemos probas evidentes de que alí poida estar o paraíso. Nos dous últimos séculos aceptamos que a extensión da liberdade sería garantía de maior felicidade, pero tal e como Mark Lilla propón analizando a última novela de Houellebecq, Submisión, non parece tan claro. Europa anda sen rumbo de maneira clara. No só pola crise que mostra as carencias da unión monetaria, senón, sobre todo, pola falta de substancia espiritual que a cohesione. Se cadra a falta de rumbo ten que ver cunha tentación moi antiga que o islam nos está recordando: caer de novo sometidos diante de quen aseguran falar en nome de Deus, que, coma sempre, permanece tan distante e calado.

Dende que o home comezou a contarse e a tratar de interpretar a natureza para vencer o enorme medo que nos produce o desconocido e a morte, acudiu axiña a mitos e deidades que lle axudasen na súa dependencia. En canto evolucionou socialmente, na creación de ferramentas, na división do traballo, na representación simbólica, puido evolucionar dun panteismo indefinido a un politeismo anulado pola potencia dun monoteismo soberano. Apareceron as relixións do libro, as das narracións que se interpretan ao dictado de Deus para identificarse, cohesionarse e fortalecerse como grupo propio e diante dos inimigos. Propuxeron narracións acordes aos tempos nos que a violencia, a cruedade e a vinganza eran propias dos deuses. E ofreceron unha salvación segura para quen se sometese a unha moral ditada dende as alturas, na que primaba a obediencia, falta de crítica e submisión absoluta aos designios do creador salvador.

Custou séculos romper esa visión relixiosa que deu en controlar o poder político cun pensamento ao servizo de tal ideoloxía. As distintas transformacións posibilitaron unha Ilustración en Europa que deron pé a un cambio transcendental nas relacións entre o home a divinidade e dos homes entre si. A ciencia desbordou á filosofía só servidora da teoloxía. Os dereitos impuxéronse aos dogmas. O home sentiuse a cada paso máis dono do seu destino, con independencia de que experiencias sociais nas antípodas da fe, como o socialismo real, propuxesen unha submisión similar a cambio dun paraíso aquí, non despois da morte. Fracasado con estrépito o modelo de paraíso igualitario baixo o dominio dun Estado-Deus, seguimos agarrándonos á liberdade como liberadora auténtica e verdadeira promesa de felicidade.

Liberdade levada ás últimas consecuencias que nos deixa desasistidos, en mans dus cantos desapiadados que enredan coa maioría a capricho dos seus intereses cobizosos. O paraíso de liberdade tórnase trampa ao caer na indefensión, na soide, no medo ao terror, nas ameazas que ao Estado lle custa desterrar. O prezo da liberdade antóllase caro. Tal e como moitos autores retratan, a crise de Occidente demostra o cansazo e fastío dos incovenientes da mera liberdade. Por iso aparecen autores e obras que cuestionan se só nela atoparemos o paraíso. Por iso a quebra de tantos valores parece que deixa ao home actual no aburrimento ata a eternidade, farto de consumir e de intoxicarse coas drogas idolátricas do sexo, o mercantilismo e a soidade. ¿Andaremos detrás de valores seguros, de autoridade firme, de confort aínda con menos liberdade? ¿Pretenderemos regresar a niños de submisión que nos ofrezan a seguridade que a liberdade nos puidera cuestionar?

Sería o grande erro da civilización e un retroceso inaguantable. Woody Allen dicía que cría cos ollos pechos no paraíso, o que lle gustaría saber é se queda lonxe do centro e que horario de apertura ten. Probablemente non estea no centro, dende logo nos suburbios non, e tampouco é probable que teña un horario establecido, pero seguro que non se presenta na tentación da submisión, de regresar ao pasado acolléndonos á seguridade de reglas que nos veñan impostas por quen din falar en nome de Deus, aínda que sexa o máis amable. Coa señalización que decidamos, atopando unha nova cohesión esperitual e fuxindo do nihilismo, pero na liberdade está o camiño.

Comentarios