Opinión

Non me gusta

GUSTÁRONME moitas das campañas que este ano se levaron na cabo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. Participei, de xeito presencial e a través das redes sociais nalgunha delas. A implicación das mulleres -as protagonistas- pareceume un verdadeiro acto de dignidade. Estou a pensar, sobre todo, nas mulleres anónimas que se concentraron, que vestiron unha camiseta, que entoaron cantos, que escribiron nunha pancarta ou que exhibiron lemas nos escaparates dos seus negocios. Estou a pensar nas que tiñan como contrapartida a solidariedade e non a fotografía interesada.

Impactáronme unha vez máis as accións levadas a cabo na rúa con corpos deitados a simularen, coa súa plasticidade macabra, o crime cotián. Volveume sorprender ver nas pancartas mostras dunha literatura lamentabelmente convertida, nos últimos, anos nun xénero de seu. Particularmente significativa me pareceu a campaña ‘Compostela en negro’, non tanto pola iniciativa como polo seu resultado. O chamamento a vestir de negro durante esta semana tamén os escaparates tivo curiosamente unha especial incidencia nas tendas de roupa. Alén de exhibiren carteis con lendas, numerosos negocios da cidade fixeron lucir aos seus manequíns prendas negras, desde a camiseta da campaña ‘Contra a violencia’ até modelos das últimas tendencias e mesmo, nalgún caso, elegantes pezas de lencería. Se me deteño a dar conta da esperanza que me transmitiron estes escaparates é por se tratar dun sector, o da industria téxtil, que vén sendo viveiro fértil desa violencia silenciosa e apenas visíbel exercida contra as mulleres: desde a tiranía das tallaxes até os modelos de feminidade que promoven, pasando por unha publicidade en ocasións máis humillante que castigada. Que moitos establecementos deste ramo -rexentados na súa maioría, hai que dicilo, por mulleres- participasen na iniciativa pareceume un paso importante no tan necesario traballo de concienciación colectiva.

Gustáronme, como digo, moitas das iniciativas xurdidas aquí e acolá, pero non me gustou, polo contrario, a hipocrisía institucional que zumegaron moitos actos oficiais, nin o oportunismo electoralista, nin ver á beira das noticias sobre o 25N outras sobre actitudes machistas no ámbito político ou sobre condenas irrisorias a vítimas da violencia. Non me gusta que o rexeitamento da violencia de xénero sexa flor dun día, coas súas fotografías, as súas portadas e os seus titulares abrindo os informativos. Non me gusta, en definitiva, que exista un Día para a Eliminación da Violencia de Xénero e 364 nos que o problema sexa invisíbel -empezando pola linguaxe que se emprega para falar del-, e absolutamente secundario tanto nas axendas políticas como nas follas de cálculo dos orzamentos.

Comentarios