Opinión

Nas orixes do Camiño

DIN, e parece que están no certo, que as orixes do Camiño de Santiago, como un Camiño de peregrinación, foron movidas por eremitas, persoas que vivían en lugares retirados, lonxe do ben e do mal. Precisamente, un destes, Paio, que vivía no bosque Libredón, onde se asentou a catedral e a cidade de Santiago de Compostela, foi o primeiro en descubrir o sepulcro do Apóstolo Santiago, sen saber por onde, nin de onde, nin quen o trouxera.

Paio, ao ver uns resplandores estraños cerca de onde estaba, foi correndo e morto de medo ver ao bispo Teodomiro de Iria Flavia, e os dous, con suficiente cortexo, volveron ao lugar onde refulxía e brillaba, con intensidade enunciativa, a vexetación boscosa. Así comeza unha historia que perdura nos séculos e que, aínda hoxe, posúe carácter misterioso e relixioso, pero tamén económico e cultural. O sepulcro que atoparon era de pedra e nel estaban tres corpos mortos.


Din que as orixes do Camiño de Santiago, como Camiño de peregrinación, foron movidas por eremitas, persoas que vivían en lugares lonxe do ben e do mal



Este feito vincula aos ermitáns e posteriormente aos monxes coas orixes do Camiño de Santiago ou dos Camiños, mellor dito, porque en Galicia cobren toda a nosa xeografía, dende o Norte, dende o Sur, dende o Este e o Oeste ata Santiago de Compostela. Un dos mosteiros emblemáticos nesto do mundo das peregrinacións é o de Samos, na provincia de Lugo, un mosteiro beneditino con sona en toda a provincia, con recoñecemento en Pontevedra enteira e desde Tui; en toda Ourense, desde a Canda; na Coruña e fora de Galicia, no estranxeiro lonxano, do outro lado do Atlántico, en Europa, por suposto, e nos outros catro continentes.

Para dar conta deste feito, nunhas salas repintadas, xélidas e humedecidas do mosteiro, loce a exposición, ‘Silencio. O monacato nas orixes do Camiño’, na que se conta como foron os principios. As fotos de José M. Salgado, as cerámicas, as pezas pictóricas e escultóricas, restauradas pola fundación Otilia Millares, así como os libros antigos acariñados polas mans do prior, José Luís Vélez, e o fondo dos discursos de Xosé Mª García Palmeiro e Rafael Sánchez Bargiela, establecen entre si diálogos que afagan aos visitantes. Uns diálogos que parece que rompen o silencio, sen perder o respecto a unha tradición milenaria. Verdadeira comunicación e inmediato control, efectivamente!, nas orixes do Camiño.

Comentarios